A contorna do centro de saúde de Arcade, acondicionada para veciños e peregrinos

Alfonso Rueda e Agustín Reguera visitaron este martes a zona, considerada un "enclave singular" do Camiño Portugués ►A actuación tivo como obxectivo mellorar a mobilidade e seguridade viaria
A actuación realizouse mediante unha axuda da Xunta de Galicia. AGN
photo_camera A actuación realizouse mediante unha axuda da Xunta de Galicia. AGN
Os peregrinos que pasen a partir de agora por Arcade nunha das etapas do Camiño Portugués poderán deterse a descansar na contorna do centro de saúde, que acaba de ser habilitada para o esparexemento de visitantes e tamén dos veciños e veciñas da zona. O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado do alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera e da delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitou este martes o lugar para comprobar o resultado das obras, que se enmarcan no obxectivo de "aproveitar os recursos da comunidade" neste Xacobeo.

Rueda afirmou que obras como a levada a cabo no concello de Soutomaior serven como exemplo do "fito" que supón a "recuperación de Galicia". De feito, os traballos contaron cunha achega de 130.000 euros, para mellorar a mobilidade e a seguridade na contorna do centro de saúde, onde non só se acondicionou o espazo, senon que se recuperou un lugar tradicionalmente de uso colectivo e encontro social, xunto á mellora do alumeado público.

Así, acadouse o obxectivo de recuperar un espazo para a veciñanza, pero tamén unha área de descanso para os peregrinos, nun enclave "singular dentro do Camiño Portugués", que é un dos que máis está a medrar nos últimos anos en número de visitantes.

Acondicionar os Camiños, elaborar protocolos para os albergues, poñer en marcha a campaña Camiña a Galicia, promocionar o Camiño e Galicia como destino seguro e activar o seguro covid foron algunhas das medidas postas en marcha que deron "tan bo resultado como así o confirman os datos", salientaron dende vicepresidencia. Tal e como explicou Rueda, "fomos a comunidade autónoma na que mellor se recuperou o turismo, no verán chegamos a cifras similares ás da prepandemia, o Camiño recuperouse por riba do previsto, case con 180.000 peregrinos no 2021 e a agora, cos deberes feitos, agardamos recuperar este ano o turismo internacional".

No caso da actuación en Arcade, tívose en conta o criterio de sostibilidade para acometer a obra, incidindo na mellora da mobilidade e seguridade viaria para os peóns. Neste sentido, procurouse habilitar o entorno de beirarrúas axeitadas e de aparcamentos, regulando a circulación e mellorando o firme, xunto coa mellora da visibilidade.

Comentarios