Convocada para este sábado unha protesta exprés en Campo Lameiro ante a situación do centro de saúde

Representantes da Corporación, incluído o propio alcalde, acordaron iniciar mobilizacións ante as baixas continuadas do único médico que hai para os veciños e a forma pouco constante coa que se está a cubrir
Created with GIMP
photo_camera A xunta de portavoces na que se decidiu convocar a protesta. D.P.

A Corporación Municipal do Concello de Campo Lameiro decidiu na súa Xunta de Portavoces, na que estiveron presentes ademais do alcalde, Carlos Costa, a voceira do PPdeG, Nieves Boullosa, a de PorVir, Martina Viéitez e o do PSdeG-PSOE, Adrián Vidal, convocar unha serie de mobilizacións para esixir ao Sergas a estabilización da atención sanitaria no Centro Médico da localidade.

A primeira das mobilizacións que convocará o Concello terá lugar este sábado 10 de decembro, ás 18.00 horas, cunha concentración diante do Centro de Saúde en protesta pola falta de médicos.Toda a veciñanza de Campo Lameiro está convidada para protestar pola situación de inestabilidade na asistencia médica que xa se prolonga demasiado no tempo.

As mobilizacións, que se prolongarán mentras non se resolva o problema, daranlle voz e o protagonismo á veciñanza, verdadeiros afectados pola falta dunha atención médica estable e duradeira no Centro de Saúde de Campo Lameiro.

Durante a concentración de protesta, os concelleiros recollerán entre os asistentes follas de reclamación para presentar ante as autoridades sanitarias para que tomen conciencia deste problema real que levan padecendo os veciños e veciñas de Campo Lameiro desde hai xa moitos meses.

De feito, nas últimas xornadas, o municipio estivo sen facultativo, o que motivou a protesta do alcalde ao Sergas, desde onde garantiron que haberá asistencia sanitaria desde o día 13 ata o 31 de decembro, pero non deron unha solución para datas posteriores nin garantía de continuidade de un mesmo médico ou médica ao cargo das tarxetas sanitarias do municipio.

O centro de saúde de Campo Lameiro dispón dun único médico de cabeceira que desde hai algún tempo precisa tomar baixas reiteradas por enfermidade. A situación actual do sistema sanitario fai que os médicos substitutos vaian rotando e aparecendo de xeito discontínuo, o que, a xuizo da Corporación Municipal, fai que non se estean dando as condicións mínimas dunha asistencia médica de calidade polo que lle esixen ao Sergas que habilite unha fórmula para dotar dun médico estable no consultorio de Campo Lameiro.

Ao mesmo tempo, a Corporación Municipal insta á Xunta a resolver os problemas de falta de persoal médico de Atención Primaria en Galicia e tamén ao Goberno Central a que habilite unha maior convocatoria dos chamados MIR e que diferencie desde o principio os médicos de urxencias dos que se van adicar a Atención Primaria.

Comentarios