Cooperativa Alcrique, de Vilaboa, estréase no mundo das marmeladas

Trátase de catro confituras extra de laranxas do Val dos Gafos, tomate, cabaza e amorodos cultivados polos integrantes na contorna vilaboesa
Xacobe García e Carlos Acuña amosan os primeiros botes do novo produto. CEDIDA - Interior
photo_camera Xacobe García e Carlos Acuña amosan os primeiros botes do novo produto. CEDIDA
A vilaboesa Cooperativa Alcrique vén de dar un novo paso no seu plan de produción ao distribuír os primeiros botes das marmeladas da casa.

Trátase dunha idea que os dous integrantes desta iniciativa veñen desenvolvendo desde fai algún tempo e que ten como principal obxectivo darlle unha saída aos excedentes de produción desta cooperativa agrícola. Carlos Acuña e Xacobe García, os dous agricultores e vendedores desta empresa, réxense polos principios da agroecoloxía e a non utilización de produtos químicos para o coidado das nosas plantacións. "Ese mesmo principio é o que trasladamos as nosas marmeladas co fin de non alterar o sabor propio das froitas e verduras coas que traballamos".

De momento, e para poder cumprir con esas premisas, só haberá marmeladas de laranxas do Val dos Gafos, tomate, cabaza e de amorodo. "A propia denominación extra das nosas marmeladas, implica que se trata de un produto con máis de un 60% de froita", indican. Asímesmo, o único conservante que levan é o zume de limón.

Por se fóra pouco, son o máis parecido que hai na comarca a unha confitura quilómetro cero. Eles realízana no seu obradoiro de Paredes e véndena alí mesmo, na súa tenda, así como en outras tendas onde tamén se poden conseguir os produtos frescos que eles cultivan: en Arcade, Pontevedra e O Grove.

Comentarios