Coribantes dá inicio á Festa da Troita de Ponte Caldelas coa presentación do seu disco

A formación con preto de 80 integrantes actuará no I Festival Troita Folk e ofrecerá os seus 14 temas de música máis "mestiza"
Un dos ensaios da banda, que conta cuns 20 gaiteiros e gaiteiras.
photo_camera Un dos ensaios da banda, que conta cuns 20 gaiteiros e gaiteiras. DP

"Os Coribantes, seguen sendo de Buchabade. Naceron en 2015 alí, e aínda que cambiamos de local de ensaio e xa todo o mundo sabe quen somos só con Coribantes, seguimos levando Buchabade no nome e no corazón".

Con estas palabras explica Ángel Rodríguez Lale, presidente da Asociación Cultural que sostén a agrupación musical, o feito de que xa todo o mundo na comarca se refira a Coribantes sen o epíteto territorial. Nos seus 17 anos de andadura, a banda fixo varios progresos: un deles en número, chegando en actualidadade aos 80 integrantes, e outro en expansión, pois dunha maioría de nenos e nenas caldeláns pasouse a unha formación na que hai músicos e músicas de todas as orixes da contorna.

"Mesmo de Vigo ou Carballiño", di Rodríguez Lale. Tamén o territorio provincial se quedou pequeno para as actuacións e a banda agora, en plena saída das limitacións da pandemia, planea actuar en lugares como Ibiza, Extremadura ou Andalucía. "Son saídas nas que hai moita responsabilidade e traballo compartido con pais e nais, pero tamén moita ilusión de toda a banda, porque ademais da convivencia e a música facemos visitas culturais", explica .

O que se verá nesas actuacións, así como nas moitas que haberá en verán no territorio autonómico, será totalmente distinto ao que se atopaba nas citas dos Coribantes de antano, grazas ao xiro que deron no seu novo disco A Ponte da Música, unha recopilación de 14 pezas "nas que non só se poderá oír música tradicional, senón que o noso director musical, Andrés Lorenzo, fixo arranxos e meteu ritmos de distintas procedencias, como música árabe ou española".

Froito desta creación, a propia formación, que conta cun amplo corpo de baile, non só representará pezas típicas, senón que incluirá danza do ventre, pasodobres ou lances de sevillanas entre o seu repertorio.

Os Coribantes están "emocionados e contentos" de que o seu novo repertorio coincida cun momento no que a mestizaxe está sendo tan aceptada. "As Tanxugueiras teñen a culpa diso e velas foi para os nosos nenos e nenas un reforzo, unha forma de ver que o que eles fan é aceptado e querido fóra, algo que xa sabiamos porque notamos como á xente lles gusta a música e baile galegos cada vez que facemos as nosas saídas por España".

A banda suma a 20 gaiteiros, 15 pandereteiras e pandereteiros, oito persoas que se ocupan de percusión e dez que asumen acordeón e outros instrumentos. Todos ensaian xuntos en dúas ou tres das disciplinas e os máis expertos pasan a ser monitores dos nenos que entran en iniciación. "Hai 17 anos que existimos e sempre temos boa relación e gran cariño cos que xa se foron da banda. Son das Tabernas, por exemplo, ten a algún ex-Coribante", lembra Ángel Rodríguez.

Este venres na presentación do disco na Alameda, ás 21.30 horas, o grupo contará coa participación de diversos persoeiros do mundo da cultura e da música galega, como a cantautora e intérprete Sheyla Patricia, David Cabaleiro, de A Roda, As Maianas, Samuel Soto, de Son de Seu, Alberto Freaza, o rapeiro, así como o gaiteiro e solis ta Isidro Vidal; o cantante Cristian Amoedo e o cantautor Bernardo Xosé, entre outros. O espectáculo desenvolverase sobre un escenario móbil no centro da Alameda e poderán aprezarse, ademais da música, distintos bailes popula-res, danza do ventre, pasodobres ou mesmo patinaxe artística.

A actuación musical enmárcase dentro do I Festival Troita Folk de Ponte Caldelas, que terá tamén concertos este sábado e o domingo.

Comentarios