Un corpo mellor no ano peor: 135 operativos relacionados coa covid

Protección Civil de Poio axudou a maiores, repartiu máscaras e mesmo atendeu emerxencias asociadas a animais
Parte do voluntariado poiense, na base de Protección Civil, ubicada na Seca. GONZALO GARCÍA
photo_camera Parte do voluntariado poiense, na base de Protección Civil, ubicada na Seca. GONZALO GARCÍA

Non pensaban os voluntarios e voluntarias da Agrupación de Protección Civil de Poio durante o operativo do Entroido de 2020 que a súa actividade daría un xiro completo en cuestión de días. 135 operativos relacionados coa covid-19 e un total de 1.548 horas investidas neste labor falan por si mesmas do papel clave dun grupo de persoas que, de xeito "totalmente solidario e altruísta" percorreron o municipio durante a primeira vaga da pandemia entregando máscaras á veciñanza ao servizo do Concello, "nun momento no que aínda nin sequera se sabía ben como actuar", tiraron o lixo dos enfermos, achegaron medicamentos ás casas e repartiron comida. "Foron tarefas que levaron moito tempo, e que fixemos en colaboración cos operarios do Concello. O da covid foi algo novo, e había servizos todos os días", explica o presidente da Agrupación poiense, Manuel Vicente Caamaño.

Lonxe de acabar cos seus folgos, a situación excepcional vivida aínda fortaleceu ao corpo de voluntarios. "Houbo un grupo bastante forte de xente que durante o confinamento estivo prestando servizo moi ben e moito tempo, fíxose máis piña entre o voluntariado, e agora un grupo importante de nós está moito máis unido", asegura. A Agrupación conta, na actualidade, con 30 voluntarios e cinco en periodo de acceso e, como non podía ser doutro xeito, mantense grazas a un "núcleo duro" dunhas 15 persoas "expertas en diferentes materias, varios de nós levamos ás costas máis de 25 anos de experiencia e formación. Somos unha familia". Para Caamaño, moitos dos compañeiros son, despois de tantos anos, "amigos". 

A boa resposta do voluntariado fixo, sen dúbida, que Protección Civil puidera asumir tarefas estreitamente relacionadas co servizo aos enfermos por covid-19, e tamén aos maiores. Neste sentido, cabe destacar a implicación da Agrupación no reparto de tarefas a domicilio do programa Saudemente, de Servizos Sociais, que axudou a moitos maiores do municipio a manterse activos durante a peor época da pandemia.

EMERXENCIAS. Tamén foi "o ano das emerxencias". Ante a ausencia de probas deportivas, grandes eventos multitudinarios ou desfiles e cabalgatas nos que botar unha man, Protección Civil de Poio afanouse en colaborar na atención do máximo número de emerxencias posible. "Recibimos un total de 471 comunicacións do 112 e, aínda que somos un grupo de voluntarios, cada un co seu traballo a parte de facer esta labor, dámoslle resposta ao 85% delas", asegura o presidente da Agrupación. "Non somos profesionais a nivel laboral, pero estou moi orgulloso de contar cun grupo de persoas que si o son a nivel de formación e atención", engade.

Neste sentido, e independentemente das actuacións motivadas pola pandemia, Protección Civil de Poio tamén colaborou neste último ano na atención de 29 incendios no municipio, 11 deles forestais. "Son relativamente poucos, por sorte levamos uns anos que en Poio non hai moito incendio forestal", valora. Os restantes foron incendios urbáns, seis deles en vehículos. Os temporais motivaron a intervención dos voluntarios en 25 ocasións, tamén acudiron a 15 emerxencias por entradas de animais como serpes nas casas do municipio, e a 19 accidentes. As eleccións ao Parlamento, o cribado de Poio, do Día de Defuntos e o reparto de ceas de Nadal, foron outros operativos a ter en conta.

A Agrupación poiense, que cumpre este verán 27 anos en activo, é hoxe unha "satisfación" para o seu presidente, que anima ao tecido empresarial do municipio a colaborar co voluntariado "con calquera acción". Despois de 25 anos como voluntario, Caamaño só pode ver con optimismo o futuro. "Esperamos que isto mellore pouco a pouco. Para este ano temos obxectivos por diante como a mellora da actual base", situada na Seca, e a "dotación dun vehículo con novo material de emerxencias". O mellor, asegura, "o recoñecemento da xente a este labor solidario". 

Aroa Lores: 16 anos e unha grande vocación
A piques de cumprir os 17 anos o vindeiro outubro, Aroa Lores García é, actualmente, a voluntaria máis nova da Agrupación de Protección Civil de Poio. A vocación vén de familia. O seu pai, Víctor Lores, é un dos membros máis antigos do corpo, un exemplo a seguir. "Llevo viendo a mi padre desde pequeña. Desde los 14 años ya quería ser voluntaria en Portección Civil y cuando cumplí los 16 le volví a preguntar. Esta vez sí que me dejó", conta.
Con só catro meses como integrante do grupo, ao que chegou en plena pandemia, xa participou como voluntaria no cribado de Poio, nada menos. Agora, agarda facer o curso para poder participar tamén na cobertura das emerxencias. "Animo a otros jóvenes a que vengan, siempre que se comprometan y sean serios", di.

Comentarios