Costas dá o permiso necesario para instalar o parque de calistenia en Lourido

O espazo contará cunha superficie de máis de 150 metros cadrados e capacidade para dez usuarios simultáneos
Na mesma zona hai instalados outros elementos de ximnasia. G. S.
photo_camera Na mesma zona hai instalados outros elementos de ximnasia. G. S.

O Concello de Poio contará cun novo espazo adicado ao exercizo físico para adultos. Trátase dun parque de calistenia, que se implantará nas inmediacións do Parque de Costa Xiráldez, en Lourido.

A calistenia é un sistema de entrenamento ou exercizo físico que se realiza contando co peso corporal e con elementos fixos que se empregan para compoñer a sucesión de rutinas coas que fortalecer a musculación.

A concelleira de Deportes, Marga Caldas adiantou novos detalles deste plan, que poderá desenvolverse logo de que Costas do Estado dera o visto bo ao emprazamento escollido polo Concello.

Segundo consta no proxecto, o parque contará cunha extensión de máis de 150 metros cadrados, con capacidade para acoller a dez usuarios e usuarias de forma simultánea, sempre e cando non sexa preciso adoptar medidas restritivas ou de distanciamento por mor da pandemia.

Caldas Moreira lembra que "coa posta a punto destas instalacións damos resposta a unha demanda veciñal e, ademais, continuamos coa folla de ruta que nos marcamos á hora de apostar polo deporte como hábito saudable e de lecer", indica.

"O feito de que se este parque se atope en Costa Xiráldez servirá para completar a oferta de lecer que a cidadanía se pode atopar nesta zona de Lourido, onde xa existe un área infantil, as praias de Lourido e Cabeceira e outros espazos moi utilizados tanto por parte da veciñanza como dos e das visitantes que recibe Poio habitualmente", argumenta Marga Caldas, que salienta o "ámbito multidisciplinar" deste emprazamento, no que tamén existen elementos de ximnasia para adultos, e que é escollido por centos de persoas para practicar deportes ao aire libre como o running ou simplemente para facer andainas.

A actuación, que se adecuará totalmente ao resto do entorno, contará cun orzamento total que rondará os 24.000 euros, Ive engadido.

Está previsto que no vindeiro Pleno ordinario de outubro, que se celebrará o día 26, se aborden unha serie de modificacións orzamentarias, que permitirán a obtención de financiamento para o desenvolvemento de diferentes actuacións, entre as que se atopa a dotación destas instalacións.

Comentarios