miércoles. 03.06.2020 |
El tiempo
miércoles. 03.06.2020
El tiempo

Oito costureiras de Barro e Romai únense para fabricar gorros e máscaras caseiras

Ana, unha das costureiras, confeccionando máscaras o sábado. CEDIDA
Ana, unha das costureiras, confeccionando máscaras o sábado. CEDIDA
Tras realizar a primeira entrega a veciños e transportistas, céntranse nun pedido para o persoal sanitario, de xeito totalmente desinteresado

Cando Ana, Rosa, Elsa, Mercedes, Carmen, Lucha, Merce e Maribel comezaron a xuntarse en Barro para dar clases de costura, non imaxinaban ata que punto as súas habilidades chegarían a ser hoxe necesarias. "Eu de rapaza xa cosía, logo funo deixando, e agora que os fillos son maiores retomei", conta Maribel. Ela é, precisamente, unha das impulsoras do grupo de costureiras que traballa inesgotablemente para tratar de protexer ao municipio. "Comezamos Merce e eu porque unha amiga precisaba gorros e máscaras. Ao principio parecíanos inviable montar esta infraestructura porque non tiñamos materiais, nin como movernos". E aí comezou todo.

As teas e compoñentes foron doados polas empresas locais Telas Low Cost e Hogar Gomez, así como pola firma viguesa Hostpapel. A implicación do corpo de Protección Civil de Barro foi o derradeiro empurrón para que a cadea funcionase. "Eles encárganse de traernos o material e de distribuir o que imos facendo", explica Maribel, orgullosa de ter listos xa 60 gorros e "moitas máis máscaras". Pois estas xa non son as primeiras confeccións. O traballo en equipo deu os seus primeiros froitos o pasado luns, cando se fixeron as primeiras entregas "á familia que as necesitaba, e tamén a varios transportistas, que están moi expostos". As vindeiras entregas irán a parar "a persoal sanitario que xa as ten solicitadas", e posteriormente atenderanse o resto de peticións da veciñanza e de "todo aquel que as poida precisar, sexa de onde sexa".

Polo momento, as oito costureiras seguen levando a cabo esta labor desinteresada, e agardan que pronto poidan ser moitas máis. "Só hai que entender algo de costura", di Maribel. O resto, a base de "vídeos de YouTube" e da patronaxe das máis expertas. "Sacando dúas de nós, que son de Romai, e ás que lle chamamos profes, o resto somos todas aficionadas, e todas temos as nosas ocupacións. Unha ten unha floristería, outra un invernadoiro... Pero como todo está pechado, dedicámonos a isto para facer algo útil, cada unha cos medios dos que dispón. Algunhas de nós teñen boas máquinas de costura, e outras non. En calquera caso, o importante é colaborar", di Maribel. "Cantas máis sexamos, máis poderemos facer".

Oito costureiras de Barro e Romai únense para fabricar gorros e...
Comentarios