Cerdedo-Cotobade estreará novo centro de repoboación a finais do vindeiro verán

O complexo ambiental está pensado para o tratamento de aves como réptiles e mamíferos

Beatriz Mato e Jorge Cubela, durante a visita institucional realizada ás obras do Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Cotobade. RAFA FARIÑA
photo_camera Beatriz Mato e Jorge Cubela, durante a visita institucional realizada ás obras do Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Cotobade. RAFA FARIÑA

O novo complexo integral de recuperación e repoboación de Cerdedo-Cotobade estará en funcionamento a finais deste verán. Así o adiantou este lunes a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, durante unha visita ás obras de execución do novo Centro de Recuperación de Fauna Silvestre no concello fusionado, ás que o Goberno galego destina máis de 470.000 euros e que previsiblemente rematarán en xuño.

Mato sinalou que a nova infraestrutura constituirá un "complexo ambiental pensado para a recuperación de aves silvestres e para o tratamento de exemplares doutras especies que se atopen feridos ou enfermos, como réptiles e mamíferos especialmente; e tamén para o repoboamento do salmón, troita e reo, como xa se fai dende o centro actual de Carballedo".

As dependencias constarán de dúas instalacións próximas. A primeira edificación, de 286,89 metros cadrados, estará destinada á recepción dos animais e o tratamento e atención veterinaria. Ademais, contará con dúas plantas. O andar máis baixo disporá dunha consulta con zona de raios X, tres UCI para mamíferos, aves e animais infecciosos, outra para mudas e, finalmente, unha sala de crías. Alí tamén se emprazarán a recepción e a oficina de administración, un aseo e a cociña. Pola contra, no primeiro andar, instalaranse dous vestiarios, un almacén e unha sala para o persoal do centro.

A segunda instalación, de 554,48 metros cadrados, utilizarase para a recuperación inicial dos animais e outros servizos necesarios que garantan os coidados durante a súa estancia no centro. Está previsto que a súa distribución se divida en dúas estancias para mamíferos, dez azoreiras, unha sala de cría de roedores, un almacén para alimentos, outro almacén xeral, unha zona de lavado de aves, catro cámaras de voo, catro estancias para aves nocturnas, unha zona de muda e unha sala para necropsias.

SANEAMENTO. A conselleira avanzou que a finais deste ano tamén se iniciarán as obras de mellora do saneamento na parroquia de Tenorio, cuxo importe de licitación é de 1,8 millóns de euros.

Na visita deste lunes también estivo presente o presidente do concello fusionado, Jorge Cubela.

Comentarios