De norte a sur

O cole que quere salvar o mundo

O CPI O Toural gañou un premio Vicente Ferrer polo plan 'Comprométete', que levou aos alumnos a promover 20 causas solidarias

A Festa das Culturas, a celebración do CPI O Toural na que se coñecen as culturas de orixe do alumnado e que contou co voluntariado dos estudantes. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera A Festa das Culturas, a celebración do CPI O Toural na que se coñecen as culturas de orixe do alumnado e que contou co voluntariado dos estudantes. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

OS ALUMNOS e mestres do CPI O Toural recibirán o 3 de decembro un agasallo de Nadal en forma de premio. Vén de saberse que o centro vilaboés, que estivo o pasado curso traballando dentro dos Plans Proxecta da Consellería de Educación nun programa para involucrar á comunidade coa cooperación, foi galardoado co Premio Nacional de Educación para el Desarrollo Vicente Ferrer.

Este recoñecemento é outorgado cada ano a 15 centros que traballan en obxectivos que non figuran en ningún programa lectivo, como é o de desenvolver o espírito crítico do alumnado ou o de fomentar a participación dos e das estudantes por unha cidadanía global, solidaria e que traballe por erradicar a pobreza.

Non se sabe cantos centros competiron este ano para obter un Vicente Ferrer, pero o certo é que o vilaboés non confiaba moito en levar o premio convocado pola Agencia Española para el Desarrollo cando se postulou, aínda que, como explica a directora, Cristina González Piñeiro, "non nos faltaron causas solidarias, nin aos alumnos, que participaron moi activamente, nin aos mestres e en especial ás dúas promotoras, a xefa de estudos de Secundaria, Beatriz Sampedro Ferreiro, e a profe de Inglés Beatriz Martínez García".

Comprométete era o nome abreviado do plan, que foi unha viaxe para os alumnos polo mundo da solidariedade. Esa viaxe tivo 20 paradas e os alumnos gozaron dun pasaporte no que marcar con selos cada unha delas. Unha alumna, Leire, conseguiu completar todas as propostas, algo, destacan, ben difícil, pois eran actividades engadidas ao programa, voluntarias e nas que mediaban habilidades de distinto tipo, aínda que todas unidas polo denominador común do tempo como ferramenta de cambio.

Entre outras cousas, estes alumnos iniciaron unha recollida solidaria de tapóns para participar na causa da Fundación Amigos de Galicia e a Taponeta, e teceron eles mesmos mantas con teares para envialas a un grupo de apoio aos inmigrantes que pasan os invernos acampados en Quai d'Austerlitz, París, á beira do Sena. Tampouco faltou unha peluquería solidaria, na que 30 alumnas, nais, irmás e mestras cortaron as melenas para doalas a Mechones Solidarios e Adicam. Coas súas mans, os alumnos fixeron pulseiras pola paz, ou un mercadiño co que reuniron fondos que se doaron para construír unha Escola de Oficios en Amdalai e unha horta na Escola de Tumani Tenda, en Gambia. Tamén para África, recolleron patíns para enviar á escola de patinaxe do orfanato de Wukro, en Etiopía; mandaron agasallos aos campamentos saharauís e recolleron roupa deportiva para a Asociación Merzane, de Marrocos, mentres que en Pontevedra participaron nas campañas do Banco de Alimentos, ou na plantación do Bosque da Memoria que homenaxea aos represaliados en Figueirido.

Comentarios