Criar pitiños para facer que o tempo voe

Dous curmáns de Cotobade decidiron crear de cero, aproveitando o tempo que lles deu o confinamento, unha incubadora para acelerar o proceso dos ovos da galiña da súa avoa
2020072519062984259
photo_camera Dous dos pitos na incubadora caseira de David Fraga e Anxo Garrido. CEDIDA

Os meses de confinamento servíronlles a moitos para rescatar vellos pasatempos ou comezar outros novos. Este último foi o caso de David Fraga e Anxo Garrido, dous curmáns de 16 e 20 anos que, no tempo morto da corentena, deseñaron unha incubadora para criar pitiños na casa da aldea en Corredoira. A idea xurdiu a raíz de ver á galiña da súa avoa, que andaba choca. Entón, como conta Garrido, "comezamos a darlle voltas ao de mercar unha incubadora, e como os prezos eran moi grandes e nós tiñamos moito tempo, decidimos facela nós".

Após un arduo proceso de investigación, reuniron as pezas, que tiñan pola casa, que mercaron nunha tenda de electrónica en Pontevedra ou que chegaron por internet, e puxéronse a traballar. Porque a incubadora consta, fundamentalmente, de tres elementos. O primeiro, unha caixa de poliespan, xa que as incubadoras son recipientes case herméticos, nos que pode entrar e saír aire pero aguantando a calor, con espazo abondo para que os ovos non estean apretados e respecten tamén a distancia social. Logo, un controlador térmico, segundo Fraga, "a compra máis importante", que se encargou de manter a calor arredor dos 37'5 graos mediante o encendido e o apagado das lámpadas led coas que conta a caixa cando esta se aproxima ás temperaturas mínima e máxima, respectivamente. Finalmente, un controlador da humidade, parámetro que foi mudando ao longo do período de incubación: "Durante o principio tivémolo a unha temperatura máis ou menos normal, puxemos debaixo de cada unha lata destas de atún baixas pero anchas para que se evaporase a auga e estivesen un pouco máis húmidos, a unha humidade normal, entre 50 e 60. E nos últimos tres ou catro días, cun humidificador, subímoslla a un 70 ou 80, para que abrandase un pouco a casca e fose máis fácil de que saísen os pitos", relatan. Un momento no que se escoitan por primeira vez, "porque primeiro fan un buratiño e despois chían desde dentro ata que rematan de abrir o ovo", que ambos os dous presenciaron, xa que din ter seguido o proceso dos ovos moi de preto, mesmo indo a darlles a volta de xeito manual dúas veces ao día.

"Queríamos pasar do método tradicional a un máis moderno"

Un proceso paulatino semellante ao propio de montado da incubadora, do que din terlles resultado "bastante tedioso, porque ao fin e ao cabo son controladores, e tampouco é que tivesemos moita idea de electrónica". Porén, a base de proba e erro, e cun termómetro dentro para ver se se mantiña a temperatura e a humidade, finalmente foron quen de configurar axeitadamente a incubadora, que funcionou bastante ben. Así, nesta primeira fornada que aseguran ter sido para probar, conseguiron seis pitiños, dos oito ovos iniciais, xa que os outros dous non estaban "jalados".

O futuro a longo prazo destes catro pitiños negros, un amarelo e outro branco, aínda non está claro. De momento, os curmáns criaranos na casa, e despois "a ver que quere facer a avoa con eles. Nós de momento non tiñamos nada pensado". Pola súa parte, coa incubadora, Fraga e Garrido dedicaranse a producir máis individuos: "A idea é encher un pouco a casa de variedades de aves. De diferentes galiñas, pavos reais, pavos ou ocas. Ao final é unha experiencia, pasar do método de produción da nosa avoa a métodos máis modernos".

Comentarios