"Esta é unha crise moi dura, pero a resposta foi moi potente e axeitada"

Luciano Sobral cumple 25 anos como alcalde de Poio cunha máxima: "Mellorar Poio e respectar a todos por enriba de ideoloxías"
Luciano Sobral. GONZALO GARCÍA
photo_camera Luciano Sobral. GONZALO GARCÍA

Pasou inadvertido, pero vén de cumprir un cuarto de siglo como alcalde...

Pois si. Pode dicirse que si porque as eleccións foron en maio e a toma de posesión en xuño. E como concelleiro levo desde o 79, que xa non sei nin sumar canto é iso: 40 anos ou 41...

E imaxinou que ía ser alcalde tanto tempo?

Xa no 79 cando a organización decidiu que fora eu on candidato, foi inesperado. A cuestión e que fun sempre desde aquela. Saiamos a gañar, pero estivemos 16 anos na oposición. No 95 chegou a oportunidade de gobernar en coalición co PSOE, e ata hoxe. Daquela, moitos non daban un peso por nós. Aquí ata entón a maioría do centro dereita era aplastante. Nós tiñamos dous e o PSOE dous, antes de chegar á Alcaldía. Despois tivemos dúas maiorías absolutas, e posteriormente volvemos á coalición co PSOE e, nesta ocasión, tamén con Avante. Algo fariamos ben!

Cal pensa que foi a clave para contar coa confianza dos veciños?

Máis alá dos pensamentos de cada un, a máxima foi traballar para mellorar Poio: a calidade de vida e servizos municipais. E respectar a todos por enriba de ideoloxías.

Vodas de prata como alcalde, pasa a cobrar da súa pensión de xubilación, e o seguinte paso, cal é?

O mandato rematareino. Ese é o meu compromiso. A organización tamén sabe que este é o último mandato. Iso non ten volta atrás. Se levo 41 anos no Concello, ben merecerei dentro de tres anos, xa con 70, unha relaxación.

Lembra ter encarado un mandato coma este?

Pois non. Nunca. Este ano non é malo, pero é diferente. Sería estúpido negar que o apoio social á nosa organización foi menor. A división a nivel local e a ruptura de 2012 tamén nos pasaron factura. Non é o mesmo. Pero o tripartito é un Goberno estable. Consensuamos o importante e o do día a día. Respectando diferenzas e posturas de cada grupo sempre se chega a acordos. Teño a experiencia das maiorías, a coalición co PSOE e agora con Avante. Sempre buscamos aquilo que nos une e o poñemos en valor.

Din que Caldas será a sucesora polo asunto do soldo. O BNG decidirao en asemblea e cando toque. Aínda falta para iso

E o de tres alcaldes, como o leva?

Pois é un eslogan do PP, xa case un chascarrillo, pero a efectos de traballo non me di nada. Hai gobernos con maioría absoluta con varias adicacións exclusivas, sen que sexa un escándalo. E tamén os hai no que o alcalde non cobra. Aquí hai catro persoas con adicación exclusiva e unha con parcial. Ese é o pacto de Goberno e non vai cambiar agora por isto.

A oposición tamén lle di que se está esgotado ou sen ideas...

Para nada. Eu estou aquí todos os días ás oito e media. Estiven tamén nesta tempada do estado de alarma. Pero iso non saca que se dea paso: por ben do que leva 40 anos no Concello, pero tamén por ben da organización. Chega un momento en que é bo que os proxectos recaian nunha persoa nova. Ao mellor xa foi demasiado tempo, pero non hai que mirar ao pasado. Penso que é o momento.

Tamén son tempos moi duros pola pandemia.

En 25 anos considera que os peores? Son tempos moi complicados, nos que en primeiro lugar temos que pensar na dor de quen perdeu a familiares, ou nos enfermos. Tamén nos que non puideron desenvolver a súa actividade e sufriron perdas. E veñen tempos difíciles por diante tamén, e afectarannos a todos. Pero a resposta deste concello foi moi potente e axeitada, dentro das nosas posibilidades. E seguímola dando. E teño que agradecer aos cidadáns o seu comportamento exemplar no sentido de loitar para superar a crise. Dito isto, si, lembro tempos tamén moi duros.

Como cales?

Moitos. Pero quizá para min o máis duro foi o tema dos realoxos do Vao en Ponte Caldelas e Monte Porreiro. Lembro conflitos como un encerro de veciños na PO-308 na Pinela, pero forman parte do normal. Nada comparable co do Vao. Isto da covid vennos dado de fóra, pero require seguir unidos e con traballo exemplar como o que se fixo, e nisto inclúo ao PP.

Falando do Vao, como viviu o altercado de hai un mes co ataque a dous policías. Foi unha frustración a nivel persoal?

Dixen que era un momento de inflexión e cambios, non quería dicir que atacariamos aos cidadáns. Nós esperamos un cambio de tendencia e que eles asuman a súa situación e cambien. O Concello cara eles responderá como con calquera outro: se hai necesidade social debemos responder. Se hai delictos, debemos aplicar e defender á xustiza. Non nos vale que aparezan no meu despacho a pedir perdón. O único que valería sería pasar catro ou dez anos sen drogas. Demostralo.

Non estamos de acordo coa formulación do enlace de Leopoldo Nóvoa e queremos sentarnos para aclarar ese punto

Da a entender que acabou a discriminación positiva.

Por dicilo así, si.

Na reunión con vostede, comprometéronse a que non habería trapicheo no barrio de arriba...

Esas manifestacións levamos 40 anos escoitándoas. Cando sexa real, falaremos de perdón.

Xa non cre no vial novo do Vao como solución para a barriada?

Si creo. Non renunciei a iso. O barrio necesita un proxecto: eliminar iso. Facer algo mínimamente decente debe ser a meta de calquera político decente. O proxecto de 2005 é o único que houbo. E o vial do Vao sería fundamental tamén para a mobilidade.

Non podemos rematar sen falar da PO-308. Segue pendente de reunirse coa conselleira...

Si. Tivemos unha reunión no Grupo de Goberno para ver que flecos se abordarán. Hai unha entrega de obra no horizonte e faltan cousas, como un paso de peóns. Pero o máis importante é o enlace de Leopoldo Nóvoa que a Xunta insiste en que debemos facer. Nós non estamos de acordo coa formulación e queremos sentarnos e aclarar ese punto.

A conselleira sempre lle lembra o calibre desta reforma...

E eu estoulle moi agradecido. Pero todos sabemos que nestes 25 anos non se fixera nada no vial, salvo a urbanización da Pinela. Xa tocaba.

E como valora a situación actual na política?

Do meu Goberno estou satisfeito. Estase dando moi boa resposta aos problemas, o equipo está integrado e hai unha gran sensibilidade e conexión cara a cidadanía. A nivel autonómico, estou convencido de que o BNG coa candidata que ten, que temos, fará grandes cousas.

Atrévese a sinalar ao seu sucesor? Será Marga Caldas?

Todos o din polo asunto do soldo. Pois tamén está Raquel Rodríguez con adicación, así que non sei por que pensan só nela. É curioso porque tamén en tempos se dixo que Silvia Díaz sería a sucesora, e mire, e tamén Emiliano Quintillán. En 25 anos houbo moitos comentarios dese tipo. Xa sabe que o BNG o decidirá en asemblea e cando toque. Aínda falta para iso.

Comentarios