Cristina Abilleira, a poiense que cambiou todo por amencer a carón do lince ibérico

Apagou incendios, estudou Publicidade e Relacións Públicas, e traballou nunha academia, pero nada a enche tanto como poder fotografar aos animais no seu hábitat ▶ O seu traballo ségueno 11.000 persoas nas redes sociais
undefined
photo_camera Cristina Abilleira, nunha imaxe tomada nunha das súas expedicións. M. RIVAS

Nunha vida caben moitas. A da reinvención persoal é unha historia que se ten contado mil veces e que ata certo punto non deixa de ser a dunha resurrección coma as que nestas datas se celebran.

É o caso de Cristina Abilleira, a veciña de Poio que consagra ou seu tempo libre á fotografía de animais salvaxes e a que iniciou ese camiño xa pasado o ecuador da trintena, sendo nai dunha cativa e despois de vivir un ERE motivado pola creba e insolvencia da empresa na que traballaba.

Cristina pasara xa polos roles de filla, estudante dunha carreira (a licenciatura de Publicidade e Relacións Públicas, coa que non acabou de sentir o frechazo vocacional), xa casara, xa fora nai e mesmo fora brigadista forestal apagando incendios nos veráns para así pagar os seus estudos.

Despois de ter emprendido todas esas viaxes a ela resúltalle sinxelo explicar como foi quen de coller una cámara de fotos e agocharse nalgún punto do entorno de Doñana ata ver e fotografar a un lince.

Así o fixo desde o 2014 varias veces ao ano (todas as que a economía e as vacacións da súa nena llo permitiron) ata ser autora de incontables series de estampas do lince ibérico, algunhas delas feitas desde puntos tan próximos que teñen a calidade e feitura dun retrato, como se dun ser humano se tratara, no que se percibe ata a expresión do animal.

undefined
Imaxe dun zorro polar. CRISTINA ABILLEIRA

Pero chegar ese punto non foi cousa sinxela "sobre todo tendo en conta que eu son autodidacta", conta e que co paso do tempo, a pesar de que se fixo cun arquivo impresionante no que constan máis de cen especies de distintos puntos do planeta, decidiu que esa sería unha afección á que non renunciar. Deste xeito puido   priorizar o seu modo de traballar desde o respecto aos animais e a súa ética ante o medio lonxe das peaxes da rendibilidade laboral.

Aló polo 2014, Cristina comezou a afianzar a calidade da súas fotos. Primeiro comprou unha cámara "normaliña", según define, e con ela refrescou os seus coñecementos, tras ter estudado algo de fotografía no inicio da carreira e tras ter ensaiado retratando a familiares e á súa nena.

Entón pensou en como chegar a facer o que sempre lle gustou escollendo unha especie animal á que observar. Paso a paso, tras "moitas agardas, moito preguntar no Seprona, aos gardas e aos lugareiros", esas fotos foron unha realidade e o protagonista era unha das especies máis protexidas e custodiadas da península, o Lynx pardinus, ou lince ibérico.

"O primeiro almizcleiro que atopamos deume un bo susto, estaba moito máis preto do que debía e non puiden moverme. Preocupábame a miña filla, que viña metros por detrás", rememora

De aí pasou á rexión de Cantabria, "porque me fixei na posibilidade de fotografar ao gato montés (Felis silvestris)" e ese foi outro dos seus fitos. Pouco despois, superado ese reto, plantexouse saír de España e dirixiuse a Noruega, onde quería ver ao boi almizcleiro (Ovibos moschatus) e onde acumulou dúas estadías de máis dun mes.

"Todo, grazas a que temos unha furgoneta camperizada que é a nosa base e o noso aforro". Nese vehículo viaxa en familia, co seu marido e a súa filla, e tamén é o que substitúe aos hoteis e restaurantes de calquera viaxe convencional.

"Nos países nórdicos pódese parar libremente, sempre que se respecte o entorno, e iso fixemos", relata. "O primeiro almizcleiro que atopamos deume un bo susto, estaba moito máis preto do que debía e non puiden moverme. Preocupábame a miña filla, que viña metros por detrás. Por sorte, despois dun anaco seguiu o seu camiño", relata.

Moito sustos non se pode permitir, ao viaxar en familia, pero algún oso e algún garrano tamén a teñen impresionado. Cristina recoñece que reserva para sí aquela parte da fotografía que ten o compoñente máis traballoso: "As esperas de longas horas, desde antes do mencer, por exemplo, fágoas soa".

Cristina viaxa en familia e nunha furgoneta camperizada que substitúe ao hotel, ao restaurante e ao refuxio de calquera viaxe. deste xeito aforra e prolonga as súas estadías

Se puidera, tería xa feito algunha viaxe a África, -soño de todo cazador de imaxes da natureza- e tamén a India. "Esa é a zona onde máis se está fotografando á pantera das neves (Panthera uncia)". Polo momento, as súas viaxes seguen repartíndose entre a península e a máis pura proximidade.

"A beleza perfecta pode estar aquí, cruzando a ponte da Barca e paseando pola Illa das Esculturas. Unha garceta (Egretta garzetta) sobre estes fondos tan escuros, ou unha lontra (Lutra lutra), coma a que atopei este ano por primeira vez, xa me fan feliz", recoñece.

Outro dos seus soños é voltar a Noruega e fotografar as súas especies coa pelaxe do inverno "pero para iso, á parte da parte económica, hai que facer unha adaptación, porque están a algúns graos baixo cero".
 

Unha década entregada á fotografía
En canto aos logros, Cristina está a punto de cumprir unha década entregada en corpo e alma á súa fotografía. Pasou de ter unha web coa que cubrir gastos, a colocar algunha imaxe en portadas coma a da revista Oasis, unha publicación italiana.

Tamén gañou algún certame de renome, como o Fonat-Foto e participa alí onde a chaman como conferenciante falando da súa experiencia como retratista da natureza e facendo unha concienzuda defensa da necesidade de conservar as especies e o medio.

Este ano, por exemplo, foi unha das ponentes da FIO, Feria Internacional del Turismo Ornitológico de Extremadura, que ten un apartado onde fotógrafos da natureza de renome explican as súas experiencias, trucos e recomendacións.

Para quen queira seguila, ela ten oco entre os seus máis de 11.000 followers en Facebook, no seu Instagram o na súa canle de vídeos, Cristina Abilleira-Fotografía de naturaleza, en Youtube.

Comentarios