Cubela: "Non hai fiscalización por parte de quen financia a implantación da fibra óptica"

O alcalde de Cerdedo-Cotobade narra o seu descontento ante as situacións rocambolescas e os problemas que se están a dar pola actitude das subcontratas que instalan o cable no rural
Jorge Cubela en la Diputación de Pontevedra. DAVID FREIRE
photo_camera Jorge Cubela. DAVID FREIRE

"Hai pouca fiscalización por parte das entidades que financian a implantación da fibra óptica no rural". Así o entende o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, que dí que, a raíz diso as situacións que se están xenerando coas empresas e as súas subcontratas son auténticamente rocambolescas, prolifera a pillería e en moitos casos fan falta inxentes esforzos para que se dea de alta o servizo e se cumpran os compromisos polos que as firmas están cobrando grandes cantidades de fondos da UE e estatais.

O rexedor explicou no último pleno da Corporación, en resposta a unha pregunta do BNG sobre as eivas da implantación da fibra, que a situación no municipio é "mellor do que se pensa" e que hai "unha maioría de parroquias e lugares onde xa está implantada", aínda que recoñece que este proceso está durando máis tempo do desexable e que, en moitos casos, "o 80% dos traballos para conseguir permisos e acordos o está facendo a Corporación e o Concello".

"Eu creo que un simple esforzo de investigación permitiría ver a cantidade de subcontratas e de fondos que se perden polo camiño", insistiu, recalcando que esta era unha opinión que tiña escoitado a moitos outros alcaldes e á que chegou despois de ver todo tipo de casos. 

Chielas, Corredoira, Caroi e Tomonde non terán fibra, pois xa non teñen cable de cobre


De feito, explicou punto por punto a situación das distintas parroquias, destacando casos nos que "non nos cansamos de insistir", como o dunha vivenda en Viascón, no extremo do vial que vai a Carballedo, a que se lle negou a fibra, pese a que está instalada en case toda a parroquia e a 400 metros de alí. "Tras moito insistir, recoñeceron que a casa non se conectaría porque era preciso un poste novo e que a empresa non estaba disposta a colocalo, nin a modificar a CT. Pois xa veremos quen fixo ese proxecto e se ao final teñen que colocalo ou non".

Tamén falou de episodios como o de Calvelo, "onde un só propietario non deixou pasar e a subcontrata directamente renunciou a continuar a instalación en todo o pobo"; ou o do barrio de Covas, en Tenorio, "que recibiu licenza o 7de setembro de 2023, e aínda seguimos esperando polos traballos". Engadeu situacións como a de Paraños, en Carballedo, que recibiu licencia hai menos dun mes "despois de que o Concello pedira permisos a Estradas da Deputación, á Axencia Galega de Infraestruturas, a Augas de Galicia e a Patrimonio. Todo un traballo, que se lle entregou a Movistar, e agora a ver cando o fan".

En Almofrei a causa de que non pase o cable ao outro lado do pobo son as obras nunha estrada da Deputación, en Cerdedo será o Concello o que realice canles para soterrar o cableado

Menos sorte teñen en Almofrei, que quedou fóra do plan de extensión e que conta con cable de fibra grazas a un plan específico de Movistar. Á parroquia chegou o cable e unha primeira caixa para que se conecten os veciños, pero conta con menos de 20 acometidas para cen casas e a empresa indica que non pode seguir co cableado por mor da estrada da Deputación que está a ser reformada. 

"Estou seguro que o Estado está mirando para outro lado  e de que hai moita xente que se está forrando", di o alcalde

Nese caso o alcalde cre que a solución chegará en cuestión de meses. Noutros, a posta de medios a disposición non pode ser maior. Así sucede con dúas rúas do centro de Cerdedo, núcleo urbano, no que o Concello levantará cos seus medios unha zanxa e porá canalizacións para o cableado. 

As contratas, ademais, non levan o cable da fibra a onde non o hai, motivo polo que Chielas, en Valongo, parte de Corredoira e Caroi, así como Tomonde, non terán fibra, senón outro tipo de conexión, dado que non hai cableado de cobre.  

Cubela confía en que todo o traballo de implantación se remate este 2024 e deixou ver que solicitou asesoramento xurídico sobre esta situación. "Estou seguro que o Estado está mirando para outro lado  e de que hai moita xente que se está forrando",  conclúe.

Comentarios