Cubela rompe relacións co PSOE local mentres non se desculpe por acusalo de violencia de xénero

O presidente municipal de Cerdedo -Cotobade lamenta que os socialistas "frivolicen cun tema tan grave que é a gran lacra da nosa sociedade"

El grupo municipal del PSdeG a la salida del Pleno, tras el plante. DP
photo_camera El grupo municipal del PSdeG a la salida del Pleno. DP

Comentario en las redes sociales. dpO presidente municipal de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, anunciou este venres a ruptura de relacións políticas e institucionais co grupo municipal do PSOE por acusalo de violencia de xénero en redes sociais tras o pleno celebrado o xoves e indicou que só se recuperará a normalidade cando pidan desculpas públicas por estas manifestacións.

A voceira socialista, Lina Garrido, escribiu no seu perfil de Facebook unha crítica ao talante de Cubela "como política e como muller", algo que o presidente non entende. "Pode rexeitar as miñas posicións políticas, iso acéptoo, pero que diga que a ataco ou critico como muller non llo consinto porque eu trato exactamente igual a todo o mundo e para min todos os membros da corporación son persoas e representantes dos veciños, sen etiquetas de xénero", sinala nunha nota de prensa.

Ademais, posteriormente apareceu no mesmo post a acusación máis grave cun comentario dun concelleiro socialista que reza "Tolerancia cero á violencia de xénero e a mentira".

Neste contexto, Cubela indicou que a presidencia municipal vai romper de inmediato relacións cos socialistas por estas aseveracións, que calificou de "moi graves" e que, na súa opinión, só teñen como obxectivo "tentar manipular e retorcer a realidade de cómo somos as persoas simplemente polo feito de estar en desacordo coas manifestacións que se realizan libremente".

O presidente lamentou que os socialistas "frivolicen cun tema tan grave, que é a gran lacra da nosa sociedade e que esta semana lamentablemente acabou coa vida de varias mulleres no noso país". "Son unhas acusacións gratuítas que só responden á xenreira dun partido que está desnortado no noso concello", indicou, antes de lembrar que hai só uns días tamén o acusaron de "inmaduro". "Só saben recorrer ao insulto, como fixeron hai uns días, pero non lle din importancia porque é unha constante, pero desta volta pasaron unha liña vermella", detallou nun comunicado.

Finalmente, cre que o PSOE debe corrixir o seu rumbo nas relacións, xa que, por riba das leas políticas, están as persoas "e eu son un veciño normal, que ten familia e nin eu nin os meus temos que escoitar estas burradas".

Comentarios