Cubela volve optar á Álcaldía de Cerdedo-Cotobade

O candidato avoga por dar continuidade a "proxectos fundamentais"
Reunión da executiva local do PP. DP
photo_camera Reunión da executiva local do PP. DP

Jorge Cubela optará á reelección como alcalde de Cerdedo-Cotobade nas eleccións municipais de maio. Así o decidiu por unanimidade a executiva local do PP, na reunión que mantiveron este xoves e na que participaron o presidente provincial do partido, Luis López; a secretaria xeral, Luisa Piñeiro, e o exalcalde de Cerdedo Silvestre José Balseiros.

Tras doce anos como alcalde, Cubela intentará revalidar a que sería a súa cuarta maioría absoluta, "para dar continuidade ao gran proxecto que temos para Cerdedo-Cotobade, e que está provocando unha transformación moi importante a nivel de infraestruturas e de servizos". O candidato agradeceu o "apoio constante" do seu equipo "no concello e no partido" e dos veciños, e recordou que en 2019 o PP conseguiu a maioría absoluta en cada unha das mesas electorais deste concello.

"Son un alcalde de San Xurxo, que vive e fai vida aquí. Levo unha parte moi importante da miña vida dedicada á política e ao concello, pero aínda hai proxectos fundamentais que se están xestionando e aos que hai que dar continuidade e por iso é importante seguir traballando para que en maio os veciños volvan a confiar en nós para seguir xestionando este concello", sostivo Jorge Cubela.

Pola súa parte, Luis López sinalou que "os resultados son froito dun traballo espectacular de Jorge e do seu equipo. Teñen un proxecto claro, capaz de transformar un territorio rural e converténdoo nun referente en toda Galicia". Resaltou "unha xestión envexable, e así o din os vecinos cada vez que acuden a votar". Nesta liña, comparou que mentres nos concellos bipartitos ou tripartitos "cada día nace un problema ou un conflito", en Cerdedo-Cotobade "cada día ponse en marcha unha obra, inaugúrase un servizo ou xestiónase unha infraestrutura. Un día arránxase unha pista, outro acondiciónase un centro social, mellorase un colexio, recuperase un petróglifo... e incluso chegamos ao punto de que se inaugura unha residencia e, ao día seguinte, comezase a xestionar a construción doutra. Ese é o elevado nivel de xestión do que gozades en Cerdedo-Cotobade".

Sobre Jorge Cubela, destacou que "goberna con dilixencia, capacidade de xestión, cercanía, atención aos veciños e moita enerxía, xa que nas eleccións de 2015 subiu a un apoio do 56% e nas anteriores, celebradas en 2019, superou o 65%, o cal é un síntoma indiscutible non só do apoio que ten dos veciños, senón tamén do cariño e a admiración que lle profesan". Ademais, apuntou que neste mandato, "sen descoidar un ápice o seu traballo como alcalde, está facendo un magnífico traballo como voceiro do grupo provincial do PP na Deputación de Pontevedra".

Comentarios