O Curso Internacional de Cerámica trasládase a Poio na súa vixésima edición

A actividade, que o ano pasado deixou de celebrarse en Pontevedra, festexará a súa vixésima edición nos obradoiros do Parque da Memoria
Participantes nos obradoiros do Curso internacional de Cerámica en Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Participantes nos obradoiros do Curso internacional de Cerámica en Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Nova vida para o Curso Internacional de Cerámica. A actividade trasládase a Poio, trala decisión do Concello de Pontevedra de eliminala da súa programación o verán pasado, xusto cando chegaba á súa vixésima edición. Naquel momento, a súa coordinadora, Xela Area, anunciaba a súa intención de tratar de contactar con algunha institución que puidese estar interesada en darlle continuidade a un curso polo que pasaron máis de 500 alumnos, que ten entre os seus obxectivos manter viva a tradición ceramista galega e que contou entre os seus mestres con creadores tan importantes como Isaac Díaz Pardo (que veu en varias ocasións), Arcadi Blasco, Claudi Casanovas (que fixo unha excepción na súa constante de non impartir talleres de ningún tipo), Paul Soldner e Setsuko Nagasawa.

Os talleres do Concello de Poio na Reiboa e o Parque da Memoria acollerán este ano finalmente esta actividade, de carácter único en Galicia. "A organización do curso non pode estar máis agradecida ao Concello de Poio polo seu interese en facilitarnos o traballo". Será entre o 12 e o 17 de agosto. Contará con 34 alumnos. "E temos once persoas en lista de espera. As prazas cubríronse rapidamente. Por iso ampliamos o número un chisco, porque en principio a idea era ofertar entre 25 e 30, o que é un número ideal para un obradoiro deste tipo. Ao ver o interese, elevámolo ata 34", comenta Xela Area. "A anécdota deste ano é que acude unha alumna de Chile. Vén única e exclusivamente para participar no curso".

O Curso Internacional de Cerámica Contemporánea chegará desta maneira a festexar a súa vixésima edición, tras ter nacido en 1989 da man da Deputación de Pontevedra no Castelo de Soutomaior, sufrir varias idas e vindas e dous parénteses importantes. Dende 2003 responsabilizouse de sacala adiante o Concello de Pontevedra. Ata que o ano pasado decidiu prescindir da proposta. "As programacións de verán evolucionan e desaparecen actividades, como esta, que levaba moitos anos, para poder priorizar outras", indicaba o organismo municipal ao respecto.

MESTRES. Nesta ocasión, dous valencianos son os mestres encargados de impartir os obradoiros: Xavier Monsalvatje e Rafaela Pareja. "Trátase de dous artistas que contan cun gran recoñecenmento nacional e internacional. Éstán ademais nun momento álxido da súa carreira, o que os leva a ser reclamados en todo o mundo para dar a coñecer o seu traballo", explica a organización.

Artista cerámico, debuxante e escultor, Xavier Monsalvatje consideráse un 'outsider' no mundo arte. O seu traballo fíxase na arquitectura, na industria e no residuo. Rafaela Pareja está considerada unha das grandes ceramistas españolas da actualidade. Interesada na experimentación, do conxunto da súa obra destacan as pezas de gran formato marcadas pola delicadeza.

Os datos completos do curso poden consultarse na súa páxina web: www.ceramicnova.es.

Comentarios