O 'Curtas Armadiña' refórzase con catro novas accións formativas en Combarro

O certame audiovisual ofrece tres obradoiros para maiores de 16 anos e un espectáculo para crianzas
Raquel Queizás. DP
photo_camera Raquel Queizás. DP

O certame audiovisual Curtas Armadiña ofrecerá, de cara á súa quinta edición, tres obradoiros para maiores de 16 anos e un espectáculo para crianzas. Todas estas actividades serán gratuítas e terán lugar no Fogar Armadiña de Combarro. A organización procura ofrecer formación nas diversas perspectivas que compoñen a realidade do sector audiovisual. 

A primeira das propostas será o luns 11 de novembro, cando terá lugar o primeiro obradoiro a partir das 19.00 horas, titulado Quero producir! Aspectos básicos da produción, rodaxe e distribución dun filme. Estará dirixido por Laura Doval, quen é social media manager, socia cofundadora da produtora Gaitafilmes e produtora executiva e xefa de comunicación do filme Dhogs. O martes 12, tamén a partir das 18.00, será a quenda do son cunha Introdución ao audio para ficción impartida por Pablo Viña, técnico de bandas e captación/postprodución. O mércores 13, o actor Xosé Manuel Esperante, cunha ampla experiencia tanto no audiovisual como no teatro, dirixirá a partir das 18.00 Que non te pillen actuando!

As inscricións realizaranse a través do mail [email protected] indicando o obradoiro, nome completo, data de nacemento e teléfono. As inscricións aceptaranse por orde de chegada. Para as crianzas, a narradora oral Raquel Queizás ofrecerá o espectáculo Cine de historias da man de Alice Guy, a nai do cinema. Será o xoves 14 de novembro a partir das 18.00 horas sen inscrición previa e gratis.

Comentarios