'Os da Caña' brilan no Entroido de Ponte Caldelas

O Goberno local caldelán está satisfeito dos resultados alcanzados en só dous anos, conseguindo unha proxección moi importante

Participantes do desfile do Entroido de Verán de Ponte Caldelas. DAVID FREIRE
photo_camera Participantes do desfile do Entroido de Verán de Ponte Caldelas. DAVID FREIRE

O Concello de Ponte Caldelas deu este domingo a coñecer aos gañadores dos diferentes concursos do seu Entroido de Verán, que tivo lugar o pasado sábado e, ao igual que na súa estrea, en 2017, volveu resultar todo un éxito de participación, con máis de 1.000 asistentes, segundo os cálculos do Consistorio. Os gañadores na categoría de comparsas foron Os da Caña (Marín); en grupos venceron As Marchosas de Arcade. O premio infantil foi para A Súper Ludoteca, mentres que o galardón de individuais-parellas recaeu en La Labranza. Ketty Pin foi premiada como a mellor drag e o premio especial ao público foi para Micaela, unha nena que asistiu ataviada de Menina de Velázquez. O Entroido incluíu tamén a instalación na Alameda de catro postos de venda de doces típicos a cargo das panaderías locais.

O Goberno local caldelán está satisfeito dos resultados alcanzados en só dous anos, conseguindo unha proxección do Entroido de Ponte Caldelas moi importante. Ao tempo, destacan, o paso dado xa está a ter repercusións noutros puntos da bisbarra, co nacemento doutros Entroidos de Verán. O tripartito destaca que os eventos "só teñen sentido se producen repercusión socioeconómica no municipio. O ambiente na rúa e nos establecementos de hostalería, que continúa bastantes horas despois do remate do desfile, despexan calquera dúbida", subliñan.

Comentarios