LUCIANO SOBRAL FERNÁNDEZ | ALCALDE DE POIO

"Esta debería ser a miña última etapa; non hai nada eterno"

O rexedor nacionalista encabeza o primeiro tripartito da historia da vila. O acordo acadado entre a súa formación, o PSOE e Avante Poio permitiralle prolongar o seu mandato ata 2023. Para entón acumulará 28 anos consecutivos na Alcaldía, de aí que deixe entrever que, salvo sorpresa, será entón cando poña punto e fi nal a súa traxectoria en política

Luciano Sobral. GONZALO GARCÍA
photo_camera Luciano Sobral. GONZALO GARCÍA

Cando empezarán a notar os veciños os cambios que o tripartito quere darlle ao funcionamento da Administración local?
De momento aínda é moi pronto. A día de hoxe o Concello non está constituído como tal, estamos nese proceso, nomeando concelleiros e configurando áreas. Haberá departamentos que cambien, iso está claro. Quizais a novidade máis importante é o documento que firmamos os tres grupos, co que pretendemos iniciar un tempo novo. Cada concelleiro dará o seu perfil de traballo a esas áreas que dirixa. Non imos tirar pola borda todo o traballo que levamos feito ata o de agora, porque pensamos que, a pesar de todo, foi moi importante. Servíu para impulsar melloras e investimentos, aínda que o resultado final non se soubo visualizar ou transmitir. Pero creo que foi positivo para os veciños.

Di que se fixo un bo traballo, pero foi preciso dar vida ao tripartito para non perder o Goberno local. Non se soubo expresar ese bo traballo do que fala?
O tripartito formouse pola correlación de forzas que se deron a raíz dos resultados electorais. As opcións eran ou un Goberno do PP en minoría ou unha coalición a tres bandas de esquerdas. Por outra parte, no Concello nestes catro anos desenvolvéronse actividades, iniciativas e obras moi importantes, pero non soubemos rendabilizalo. En calquera caso, o pasado quedou atrás. Os veciños falaron e déronnos esta opción de gobernar con tres forzas e temos que aproveitala para continuar transformando a realidade social da nosa vila.

De todo este proceso, que parte pode resultar a máis difícil de modificar?
Non vexo que haxa ningún cambio especialmente complicado. Todos son asumibles. A cuestión fundamental é que as persoas que dirixan as áreas teñan o perfil e as gañas axeitados para desenvolver o seu traballo. A maiores, temos que estar máis a pé de obra e fomentar o achegamento cos veciños, debemos estar alí onde os cidadáns teñan os problemas ou as súas necesidades. Por aí pasa o cambio.

Na folla de ruta do tripartito hai varias actuacións que se consideran prioritarias. Cal sería a medida para vostede a medida máis urxente?
Hai varias cuestións. Por exemplo, dotar de servizos básicos aos núcleos que aínda non dispoñen deles é unha cuestión fundamental. Tamén está a cuestión do saneamento. É algo no que coincidimos os tres grupos. A partir de aí, outro asunto chave é continuar co deseño urbanístico do Concello e apostar pola seguridade viaria en emprazamentos urbanos. A nivel de deporte, precisamos un novo pavillón para dar cabida a demanda que hai neste eido. Poñer en valor a cultura e o idioma seguirá sendo unha cuestión moi importante. Estamos sentando as bases para ser un concello sostible e que resulte cómodo para os veciños. Queremos que a xente continúe empadronándose aquí. O proxecto é ilusionante e dará bos resultados, estou convencido.

Desde fóra sempre deu a sensación de que o pacto era cuestión de tempo, de que non perigou en ningún momento.
Non foi sinxelo. Cada grupo puxo sobre a mesa as súas prioridades e preocupacións. Non falaría de liñas vermellas, porque creo que máis ben foron prantexamentos necesarios. Que se puido resolver máis rápido? Pode ser, pero non é o mesmo negociar a dúas bandas que a tres. Isto require de máis calma e tempo. Había vontade en chegar a acordos. Achegamos posturas no que nos podía distanciar. Agora hai que desenvolver ese documento para facer de Poio un concello de progreso.

Cal foi o principal obstáculo que houbo que salvar nas negociacións?
Non se me ocorre ningún. Eu non vin ningún tema que resultase especialmente sensible. Falouse de moitas cousas sobre organización, traballo ou reparto de áreas. O que nós prantexamos practicamente quedou así. É certo que Silvia (Díaz) solicitou Turismo e nós non tivemos problema con iso. Quizais esa foi a maior concesión. Tamén pasou a presidencia da Comisión de Cultura a Silvia.

Nalgún intre temeu pola posibilidade de perder á Alcaldía?
(Dubida). Non. Eu coñecendo a Silvia e de onde vén non me parecía lóxico que optase por darlle paso ao Partido Popular. Pero sorpresas sempre hai, aí temos o exemplo do que aconteceu en Catoira. Somos conscientes do retroceso e da perda de apoio social que tivemos, pero non entraba nas nosas cábalas perder a Alcaldía.

Ata que punto condicionou na negociación a saída de Silvia Díaz do Goberno local en 2016?
Non se falou dese tema. Negociouse con ela como representante dunha nova forza política. Non se entraron en cuestións do pasado. Silvia optou por marchar no seu momento. É respectable, o único que reprochamos no seu día foi que non devolsese a acta, porque entendiamos que era do BNG. De feito, na nosa organización sempre firmamos unha carta de compromiso na que se recoñece que a acta pertence ao partido. En todo caso, non é un documento legal.

Van ter diante unha oposición na que o Partido Popular conta con oito concelleiros.
Isto xa aconteceu no pasado. Houbo épocas nas que o BNG e o PSOE sumabamos nove concelleiros e o PP oito. Non sabería dicir que tipo de oposición fará o Partido Popular. Nós temos que facer Goberno e recuperar o respaldo social que tiñamos. Esa é a nosa meta. O PP nestes catro anos apostou por unha fi scalización bastante destrutiva. Non houbo propostas que foran enfocadas a melloras. Aínda así, deulle resultado, porque sumaron un concelleiro máis. Pode que teñamos que mellorar a nosa imaxe e a nosa estratexia, pero a prioridade é garantir o benestar dos veciños.

Antes falaba de actuacións prioritarias, pero hai varias que dependen doutras administracións. Parece que hoxe en día as relacións coa Xunta non pasan polo seu mellor momento.
É certo. Temos que recuperar o diálogo e a colaboración con todas as institucións. Coa Xunta están bastante deterioradas. Cambiar isto será beneficioso para os cidadáns. Farei un esforzo persoal para achegar posturas, porque é fundamental. O confrontamento non conduce a nada. Dito isto, tamén hai que dicir que a política do PP na Administración autonómica nestes anos foi nesta liña de confrontación, sen querer asumir as súas competencias en moitos ámbitos. Nós o que non imos facer é deixar de lado a reivindicación de que se teña en conta ao Concello de Poio, como é a educación, sanidade ou a seguridade viaria en estradas como a PO-308 ou o vial que enlaza San Salvador coa autopista, en Portosanto. Aí, por exemplo, reclamamos en varias ocasións a súa urbanización ou, polo menos, a instalación de novas luminarias para mellorar a seguridade para peóns e condutores, pero non conseguimos nada. Pero, insisto, tendemos a man ao diálogo. O saneamento agora parece que vai ser competencia do Estado, así que tamén hai que traballar para mellorar este servizo no que nos afecta.

A perda de votos no BNG non é exclusivo de Poio. Outros bastións como Pontevedra e Bueu tamén sufriron isto. É un toque de atención?
Cada agrupación local debe valorar o que sucedeu en cada concello. O que si lle digo é que o BNG agora mesmo está en bo momento. Gañamos nas Europeas en moitos concellos, máis ca Municipais. Isto tamén habería que analizalo, porque o habitual adoita a ser o contrario. Despois de pasar varias crises de rupturas internas penso que agora o partido está mais consolidado. Ogallá isto se refl icta nas eleccións autonómicas do 2020.

Este susto pode afectar á hora de continuar en política?
Formo parte da Corporación desde 1979, incluidos 24 anos de goberno, máis o novo mandato... Para cando acabe terei 70: o BNG ten que empezar a pensar en facer unha renovación en Poio. En realidade, témolo que facer entre todos. Outra cousa é que o teñamos que decidir agora, pero non hai nada eterno. Este partido é a miña casa e axudarei en todo o que poda, pero todo ten un límite.

Estame dicindo que, se non pasa nada raro, esta sería a súa última etapa en política.
Debería ser a última, si.

Pero a súa continuidade ata o final do mandato está garantizada?
Tería que suceder algo moi raro para que non pasase iso. Está claro que o futuro non o podemos controlar, pero teño moi claro que aquí presentámonos para gobernar. Obviamente contabamos cun maior apoio, pero os veciños decidiron darnos o que nos deron. Eu non son de botarlle a culpa aos demais, algo non fixemos ben e iso haberá que corrixilo. Toca analizar e reflexionar sobre os erros que cometemos e, a partir de aí, rectificar para recuperar a confi anza da xente.

Nese proxecto de futuro do BNG gustaríalle que estivese Silvia Díaz ou é unha porta xa pechada?
Nós estamos abertos a todas as persoas que queran sumarse a este proxecto. Silvia podería ser unha posibilidade, pero debería decidilo ella. Coñece a organización e sabe perfectamente como funciona, o que somos e o proxecto que defendemos. Así como se foron sumando outros compañeiros no seu momento, as portas do BNG sempre estarán abertas a quen quera sumar.

Comentarios