A decisión de pechar 15 días o ambulatorio de Raxó desata as protestas en Poio

Todas as formacións políticas e a SCD Raxó piden que o Sergas rectifique e non peche
Entrada do centro de saúde de Raxó. DP
photo_camera Entrada do centro de saúde de Raxó. DP

O Servizo Galego de Saúde comunicou o xoves aos responsables do Concello de Poio a decisión de pechar o ambulatorio de Raxó durante 15 días durante as primeiras semanas do mes de xullo, por falta de persoal. A medida farase efectiva desde o vindeiro luns. O alcalde, Luciano Sobral, tivo constancia desta decisión tras recibir unha chamada por parte do xerente da EOXI do Salnés e considera que se trata dunha medida "que supón un agravio moi grande para a nosa veciñanza e para as persoas que nos visitan durante o verán, froito da política da Xunta de Galicia de non cubrir as vacantes que deixan os profesionais á hora de coller vacacións e días de lecer".

Sobral lembra que Poio é un municipio turístico "dos máis importantes das Rías Baixas" e que, precisamente, Raxó é unha das localidades que experimenta un maior crecemento de poboación no verán. "Que este centro sanitario non estea operativo durante tantos días prexudicará a moita xente, polo que é unha decisión coa que estamos totalmente en contra", aseverou. O alcalde entende que a Consellería de Sanidade, como titular deste servizo, "está na obriga de acometer as medidas pertinentes para garantir á cidadanía unha asistencia sanitaria en condicións e, desde logo, pechar un ambulatorio por falta de persoal durante varias semanas dista moito da maneira axeitada de proceder", concluíu.Ademais, lembra que "Poio xa vive unha situación complicada, con listas de agarda interminables nos Centros de Saúde de Anafáns e de Combarro e este peche do ambulatorio de Raxó non fai máis ca agravar o problema".

Na mesma liña manifestouse o tenente de alcalde e responsable do PSOE, Gregorio Agís, quen considera "unha auténtica temeridade" o feito de privar a un núcleo como Raxó, destino turístico de numerosas persoas durante todo o verán, dun servizo primordial. "Non estamos a falar dun imprevisto, o que o fai aínda máis grave, posto que a Xunta é perfectamente consciente ao privar de asistencia sanitaria a milleiras de persoas", alertou Agís, que lamenta que as políticas que aplica a Xunta "ningunean os dereitos de toda a cidadanía".

No seo de Avante Poio, Silvia Díaz fixo unha crítica similar, neste caso poñendo o acento na "sobrecarga" que sufrirán o resto dos centros que teñan que asumir estas citas.

O PP, pola súa parte, amosou o seu «total rexeitamento a esta medida» que afecta "aos meses nos que en Poio temos máis poboación". Ángel Moldes desexou que o Sergas "atope unha solución e rectifique" antes de que se chegue a dar o peche. Ademais, a SCD Raxó tamén se postulou contra a medida e as súas consecuencias.

Nese sentido, o edil Xosé Luís Martínez confirmou que a Mesa pola Defensa da Sanidade Pública, na que están representados todos os partidos da Corporación, se reunirá o martes para analizar as consecuencias deste peche.

Comentarios