Martes. 19.03.2019 |
El tiempo
Martes. 19.03.2019
El tiempo

"Se deixamos as aldeas baleiras cómeas o lume e o abandono"

Ernesto Filgueira Touriño. CHRISTIAN FERNÁNDEZ
Ernesto Filgueira Touriño. CHRISTIAN FERNÁNDEZ

Vén de poñerlle fin á súa etapa como comerciante e, con 58 anos, decide dar o salto á política municipal en Cerdedo-Cotobade, onde reside desde hai máis de 30 anos. Entre os sorprendidos pola súa decisión, confesa, "están a miña muller e fillos", aínda que recoñece que é o paso natural para seguir traballando en favor do resto do concello.

NEGOCIADOR NATO. E comprometido. Así lle gusta definirse a Ernesto Filgueira (Lérez, Pontevedra, 1960). Este cotobadés por parte de nai que ten algo máis de 58 anos e é pai de dous fillos. Pechou unha porta recentemente, a do seu comercio en Pontevedra, pero parece disposto a abrir moitas outras fiestras coas que seguir dando que falar. Unha delas, o mundo da política municipal, ao que chega cargado de ideas coas que solucionar os problemas do mundo rural no século XXI.

Alguén levou unha sorpresa con isto de que vostede sexa o número 1 do BNG para as eleccións municipais de 2019?
A primeira sorpresa foi para a miña muller e os meus fillos. ‘Fliparon por cores’. Eles saben que eu sempre estiven en ‘movidas’ de todo tipo. Quen lera onte o que se escribiu sobre min pensará que estiven en todos lados. Tamén supoño que haberá quen diga, "anda, Ernesto agora meteuse no tinglado da política". Eu creo que demostrei nestes anos o meu compromiso con Viascón e é tempo de que sexa co resto do municipio.

Como comezou ese compromiso?
Lémbrome de que nos primeiros anos alí un tal Manolo Nieto, un señor maior, foi o primeiro que me liou. A raíz diso levo moito tempo tratando de traballar pola parroquia e polo concello, directa ou indirectamente. Lembro conversas con Moncho Abal, que era do PP, despois con Manolo Loureiro, que é do PSdeG, e agora con Jorge Cubela... Sempre tratei de artellar cousas.

Recentemente estivo moi implicado coa polémica da obra da N-541. Daquela xa era vostede candidato ‘in pectore’?
Non. Houbo unha conversa moi informal, un día tomando un café, hai uns meses. Pero díxenlles: "Yo no sirvo para esto". Despois tiven esta pequena desgraza de romper a perna. Digo pequena porque as desgrazas reais son outras que hai neste mundo, lamentablemente. Isto de romper a perna resta mobilidade, pero traballarei arreo, dentro das miñas posibilidades.

Como leva o tema da ‘dependencia’ por mor da súa fractura?
O compromiso que lle pedín aos compañeiros é que me teñen que axudar a desprazarme por todo o territorio. Este é un tema puntual, un accidente parvo que non me permite, entre outras cousas, conducir. Coas muletas aínda me defendo. Cerdedo-Cotobade ten moitas hectáreas, tratarei de ‘patear’ todo o que poida para escoitar e para comunicar a nosa idea de futuro.

Como segue o asunto da estrada?
Aquilo da N-541 foi unha aberración. Eu sígoo dicindo, e tamén os veciños. Agora está en ‘stand-by’. Isto xurdiu a mediados de outubro e nós seguiremos defendendo a parroquia. Moita xente se implicou para que non se fixera o proxecto e esperemos que se resolva favorablemente para os veciños.

Daquela estivo negociando man a man con Jorge Cubela, o presidente da xunta xestora. Como pensa que acolle el o feito de que agora sexa un rival político?
Como ben dixen, teño amigos en todas as opcións políticas habidas e por haber. Non teño problema para sentar a falar con ninguén. A min gústame negociar, traballar, comprometerme e resolver os problemas. Nese caso, o alcalde era unha figura clave, pero igual que se falou co alcalde falouse coa subdelegada do Goberno, cos partidos políticos, e tratamos de enfocar a todos no mesmo criterio.

Jorge Cubela é un alcalde que está na cresta da onda, pero algo se lle poderá criticar...
Trataremos de descubrirlle os defectos agora (risa). Non, Cubela é un chaval que comecei a tratar oito anos atrás. De vista coñecíao, pero el era un estudante daquela e non falara con el nunca. A raíz de ser candidato, como representante veciñal que son, pediunos reunirse con nós e que o escoitaramos. Posteriormente houbo reunións para atender temas de futuro da parroquia. Algúns realizáronse, outros están pendentes... Agora nós trataremos de levar esta experiencia da xestión de Viascón a todos os puntos do concello.

E non ten medo de que estar tan implicado con Viascón sexa un freo para ter boa acollida na zona do Almofrei ou en Cerdedo?
Non. Falo de Viascón porque é onde estiven implicado na participación na comunidade de montes e de veciños. A min iso de que hai que ter experiencia para entrar na política non me cadra... A algún ao mellor víñalle ben non ter tanta experiencia e non meter tanto o ‘cazo’. Digo eu. Hai que vir tamén do sector privado para achegar outro punto de vista. E se non me vai ben, a casa téñoa no mesmo sitio para volver...

O Concello non é o mesmo que cando comezou o mandato. Polo medio houbo unha fusión e moitos dos seus compañeiros estiveron nas accións en contra da mesma. Como o ve vostede?
Eu lembro terlle dito a Cubela que iso de xuntar os concellos "no lo veo". Porque o problema non é sumar territorios para ter máis veciños e recibir ingresos e ter dous concelleiros máis... É dicir, esa ‘movida’ toda de "los 5.001 habitantes" non é a solución. Se un non artella medidas para fixar poboación, en cinco anos acabará como estaba. Eu comenteille a miña idea. O que eu penso do concello, de fomentar a agricultura ecolóxica, que pode ser unha das solucións, o de evitar o éxodo das parroquias. Se deixamos as aldeas baleiras, cómeas o lume e o abandono. Algo haberá que darlles aos veciños que quedan para que xeren riqueza. Igual é tan digno facer queixo de cabra, criar vacas en ecolóxico como outro traballo na cidade. E esa poboación ten que ter servizos, pero servizos planificados de modo realista.

Continuarán co proxecto da fusión ou esta ten marcha atrás dentro de oito anos?
Non sabía que se podía dar marcha atrás. Non sei. O problema actual é atallar a despoboación. Estou pensando no caso do concello de Cerdedo, que chegou á fusión co censo inflado, obra dun alcalde que xa non está no posto. Máis de 200 veciños. Iso é sangrante. Para el, para os veciños e tamén para o resto dos concellos de Galicia...

Quere dicir desleal?
Home claro.

Cre que a fusión cambiou os ánimos dos electores?
Iso saberémolo cando comecemos a ‘patear’ o Concello. Temos que oír e ver o que pensa a xente agora e decidir en consecuencia.

Como será o programa?
Estamos traballando nel, e hai varias ideas, pero ‘o directo é o que manda’, como din os da televisión. Eu só quero que este equipo funcione, que traia propostas, que se debatan e que saia adiante o que decidamos entre todos. Eu son un máis.

"Se deixamos as aldeas baleiras cómeas o lume e o abandono"
Comentarios