Denunciadas por acceder a unha finca privada en Poio para beber alcol

As dúas mozas, de 24 e 27 anos, levaban tres días accedendo ás instalacións, ubicadas en San Salvador
A finca de A Puntada á que accedron as sospeitosas. GONZALO GARCÍA
photo_camera A finca de A Puntada á que accedron as sospeitosas. GONZALO GARCÍA

A Policía Local de Poio investiga a dúas veciñas de San Salvador como presuntas autoras dun roubo con forza en pleno estado de alarma, perpetrado a última hora da mañá do domingo no interior dunha finca privada situada no lugar de A Puntada, que pertence á parroquia de San Salvador, nas inmediacións de Portosanto. Segundo informou a Policía Local, as dúas veciñas investigadas polo roubo residen na mesma zona onde se cometeron os actos.

As dúas sospeitosas foron sorprendidas in fraganti no interior dun velador situado no interior da parcela privada, á que accederon de xeito ilegal. Segundo puido verificar a Policía Local, o velador alúgase habitualmente ao público para a celebración de festas de diverso tipo, motivo polo cal as instalacións estaban provistas de varias bebidas alcólicas, que foron un dos reclamos que levou a ambas sospeitosas a acceder ao interior do lugar.

Efectivos da Policía Local de Poio acudiron ás instalacións despois de recibir o aviso do que alí estaba sucedendo, e que lles chegou por medio dos responsables da finca, no interior da cal se atopaban as dúas mozas nese momento sen permiso dos donos.

Tras facer acto de presencia no lugar dos feitos e proceder a arrestar ás dúas sospeitosas, os axentes da Policía puideron constatar que se trata de dúas mozas de 24 e 27 anos que levaban arredor de tres días accedendo de xeito furtivo e continuado á finca privada e ao velador para consumir as bebidas alcólicas destinadas ás celebracións que os donos gardaban no interior do local.

Segundo confirmaron os axentes, ambas sospeitosas procedían sempre do mesmo xeito para acceder ao interior da finca, saltando o peche do exterior e forzando a porta para poder entrar no velador, no que foron descubertas onte. Por este motivo, serán investigadas por un delito de danos contra a propiedade privada, ademais doutros cargos.

As dúas sospeitosas terán que enfrontarse tamén a unha sanción a nivel administrativo por saltarse o decreto que mantén activo o confinamento das persoas, xa que se atopaban na finca de xeito ilegal e sen motivo xustificado.

Durante a tarde do domingo a Policía Local de Poio abriu dilixencias contra ambas sospeitosas. As dilixencias aínda continúan abertas, xa que a Policía sospeita que podería haber máis persoas implicadas.