Denuncian o roubo de parte do valado da Mámoa de Rei, en Vilaboa

O peche perimetral instalouse hai menos dun ano con fondos da Comunidade de Montes de Vilaboa e da Deputación no ámbito dun proxecto de posta en valor do patrimonio arqueolóxico
Zona na que foron substraídos os taboleiros do peche da mámoa. D.P.
photo_camera Zona na que foron substraídos os taboleiros do peche da mámoa. D.P.
O Concello de Vilaboa xunto coa Comunidade de Montes de San Martiño de Vilaboa veñen de denunciar o roubo de parte do valado de protección da Mámoa do Rei. Este valado de madeira fora instalado hai menos dun ano no ámbito dun proxecto de protección, conservación e sinalización dos bens patrimoniais da Chan de Castiñeiras.

O mesmo proxecto serviu para a creación e sinalización do Roteiro das Mámoas e contou cunha subvención por parte da Deputación de Pontevedra.

Tal e como apuntan desde a Comunidade de Montes, unha das accións de conservación consistiu na renovación do valado de protección da Mámoa do Rei que ocupa unha área de 115 metros cadrados e que, recentemente, foi subtraído. Tamén o panel informativo da mámoa intentou ser arrincado.

"Estamos sen palabras" declara José Luis López, presidente da Comunidade de Montes de Vilaboa, que lembra os esforzos económicos realizados polos comuneiros para completar os custos do proxecto. Engadindo que "non é a primeira vez que a Comunidade é obxecto de roubos, como cando nos roubaron a todos os veciños 30 castiñeiros recén plantados".

Pola súa banda, o alcalde de Vilaboa, César Poza salienta que "os comuneiros e o concello veñen facendo un esforzo moi grande para pór en valor o noso patrimonio histórico", e lamentou que haxa xente que non só menosprecie este traballo "senón que tamén estan a atentar contra a nosa historia".

"É unha falta de decencia e de falta de respecto polo noso patrimonio cultural absoluto. É un feito realizado totalmente con conciencia e alevosía, non estamos tan só ante un problema de vandalismo senón ante unha falta de educación e respecto importante. Este tipo de accións son as que provocan que despois se miren con recelo a posta en valor destes elementos culturais ante posibles actos vandálicos", acrecenta Benito Vilas, arqueólogo da cooperativa Árbore, quen foi responsable do proxecto de restauración.