A Deputación inviste 551.000 euros na reforma do edificio e o Pazo de Besada

Tamén achegará 160.000 euros para finalizar a actuación da mellora da mobilidade na Seara, e outros 453.000 euros para a EP-0506 en Barro
Fachada principal do Pazo de Besada. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Fachada principal do Pazo de Besada. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

A reforma do Pazo de González Besada proxectada e aprobada pola Comisión de Urbanismo o pasado verán está a piques de converterse en realidade. A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar a axuda que fará realidade o proxecto, que contempla a habilitación dun espazo para Servizos Sociais na planta baixa, que inclúe áreas para persoas maiores para a realización de diferentes actividades. Tamén se contempla dotar ao inmoble de despachos administrativos e o traslado do Centro de Información á Muller (CIM). Deste xeito, e tras as obras, trasladaranse a este emprazamento varios dos servizos que actualmente se prestan na Casa Rosada. Neste sentido, a Deputación achegará un total de 551.273 euros para reformar o edificio e os exteriores do Pazo.

Segundo avanzara o titular de Urbanismo, Gregorio Agís, as obras poderían comezar ao inicio de 2021, e unha vez feitas realidade, o Pazo pasaría a estar en disposición de contar con outros servizos, "como unha aula de estudo e unha biblioteca, que complementaría á de Campelo". 

O proxecto da reforma do Pazo de Besada figura no pacto asinado ao comezo do mandato polo Bloque Nacionalista Galego, o PSdeG-PSOE e Avante Poio, e foi aprobado o pasado mes de xuño en Comisión de Urbanismo, para ser remitido posteriormente á Deputación, que vén de aprobar a axuda pertinente para a reforma da emblemática estrutura a cargo da liña 1 do Plan Concellos. O proceso sufrira un pequeno retraso na fase anterior que ten que ver coa tramitación con Patrimonio a causa da covid-19.

MELLORA NA SEARA. Do total da partida de 711.467 euros que a Deputación achegará ao municipio de Poio, outros 160.193 euros irán destinados a finalizar a actuación integral da mellora da mobilidade e seguranza viaria na contorna dos centros de elevada atracción da Seara, actuación enmarcada no Plan DepoRemse e para a que xa se tiñan aprobado recursos por valor de 500.000 euros.

INVESTIMENTO EN BARRO. A Xunta de Goberno da Deputación tamén aprobou un novo proxecto de mellora da seguridade viaria na EP-0506 en Barro, que ascende a 453.603 euros. Mediante estes recursos vaise actuar nun tramo de 3,7 quilómetros da estrada provincial Curro-Portela, que supón a renovación da totalidade do viario adaptándoo ao modelo de mobilidade amable e sostible da Deputación de Pontevedra.

Máis polo miúdo, a través deste investimento, vaise proceder á limpeza de marxes e reperfilado de cunetas; á reposición do firme, fresado e saneo; á mellora da intersección coa estrada municipal, á posta en marcha de bordos para a realización dunha semiglorieta no entronque ao inicio da estrada e á renovación da sinalización para salvagardar a debida prestación do servizo público viario.

Comentarios