Desakato, O Cadelo Lunático, Sheila Patricia, e Fondo Norte, no Armadiña 2022

Celebrarase en Combarro os días 26, 27 e 28 de agosto de 2022
Público do festival nunha edición anterior. RAFA FARIÑA
photo_camera Público do festival nunha edición anterior. RAFA FARIÑA

A organización do Festival Armadiña Rock vén de confirmar para a súa XIV edición, que se celebrará en Combarro os días 26, 27 e 28 de agosto de 2022, a suma de varios artistas como son Desakato, "unha das grandes apostas desta edición" que, dende Asturias, "ocupa un dos tronos do rock estatal".

Ao escenario tamén se subirá Sheila Patricia, que chega ao Armadiña "nun momento da súa carreira onde está a investigar na mestura de sons máis actuais e electrónicos, conservando a esencia do acústico". Tampouco podía faltar no festival a presenza de bandas locais, polas que "segue apostando". Por iso, O Cadelo Lunático e Fondo Norte forman parte do cartaz este ano. Trátase de dúas bandas con sons moi diferentes, "pero que encaixan como dúas pezas de quebracabezas nun evento de raíz coma este".

Finalmente, e "como xa vén sendo tradición", tal e como explicaron dende a organización, regresan as Pandereteiras de Ronsel, que repartirán "polas rúas de Combarro esa ledicia característica".

Outras bandas xa confirmadas polo festival son La Quinkillada, MJ Pérez e Rebeliom do Inframundo, se ben nas vindeiras semanas daranse a coñecer os últimos detalles do cartaz, que aínda se está a configurar. O evento conta tamén con acampada de balde previa inscrición no entorno do festival ao que, coma todos os anos, o público poderá acceder de xeito totalmente gratuito.

Comentarios