viernes. 02.10.2020 |
El tiempo
viernes. 02.10.2020
El tiempo

Descuberto un novo petróglifo non documentado nun valado de Cerdedo

A situación do petróglifo. CAPITÁN GOSENDE
A situación do petróglifo. CAPITÁN GOSENDE
As hipóteses apuntan a que forma parte dun conxunto maior, que será investigado

Os vestixios arqueolóxicos, que xa son un clásico no municipio de Cerdedo-Cotobade, nunca deixan de sorprender. Nesta ocasión, unha nova formación saíu á luz hai uns días nun lugar inesperado: un valado que delimita unha parcela, no que o petróglifo, tallado nunha das grandes pedras graníticas da base, permanecera oculto, case camuflado, ata hoxe.

Foi o pasado 13 de xullo cando o colectivo Capitán Gosende, que dende hai anos desenvolve un intenso e valioso labor pola preservación do patrimonio arqueolóxico da zona, recibiu o aviso dun veciño da parroquia cotobadesa de Augasantas, Pedro Eiras, que insistía na localización dun gravado rupestre en terras de Cotobade, do que aínda ninguén se ocupara antes, algo que chamou a atención do colectivo, que ao día seguinte se dirixiu á aldea da Coutada, en cuxas inmediacións se sitúa o achado. Inmediatamente, deron con el á altura do valado que pecha as chamadas Veighas da Porta. Trátase dunha talla circular nunha rocha granítica (gran groso) que, segundo explicou o colectivo, puido aflorar nas inmediacións do lugar ou nas lombas pedrosas do monte da Coutada, non moito máis lonxe.

En todo caso, Capitán Gosende concluíu que a rocha na que se asenta o gravado foi extraída dunha formación rochosa maior, e utilizada como unha pedra máis durante a construción do valado. Un valado que, por outra parte, pode ter máis de 100 anos, tal e como, segundo o colectivo, precisou unha veciña do lugar, xa nonaxenaria, quen indicou que dito muro é anterior a ela, posto que sempre tivo constancia da súa presenza no lugar, a pesar das mudanzas que sufriu o camiño sobre o que se asenta. O valado fora desprazado hai anos, co obxectivo de gañar largura, polo que, a todas luces, a parte inferior do gravado rupestre quedaría por debaixo do empedrado do camiño e, ademais, por debaixo do nivel da auga que discorre entre o muro e o asfaltado, e que provén da fonte pública.

"O gravado que se conserva é de moita importancia", sinala Carlos Solla, integrante de Capitán Gosende. "Probablemente, o cachote do valado formaba parte dun aflorecemento granítico fragmentado e transportado alí", engade. E, salientar esta circunstancia é clave, pois todas as hipóteses parecen indicar que, nalgún lugar da zona, atópase "un gravado maior", do que a pedra en cuestión puido formar parte. Neste sentido, o colectivo pronto comezará a buscar na zona, non moi lonxe do lugar, "para ver se atopamos algo, ou quedan restos do orixinal".

A COUTADA. Este pequeno grande descubrimento non podía quedar sen nome. Así, recibiu o de Petróglifo da Coutada, tras proceder a documentar as súas coordenadas xeográficas, así como a descripción do suposto fragmento atopado, que se compón de dúas combinacións circulares aliadas, tipo "castañola", cunhas dimensións que acadan os 80 cm de longo, os 70 cm de largo e os 86 cm de diagonal, e unha matriz que desprega oito círculos concéntricos con coviña central. Solla sinalou a "casualidade" que foi poder atopar o gravado, xa que se poderían ter dado moitos factores adversos, como que "o canteiro o puxera mirando para adentro, ou que se danara na extracción ou no transporte".

Descuberto un novo petróglifo non documentado nun valado de Cerdedo
Comentarios