A despedida de Fodorico convértese nun concurso de disfraces choqueiros online

O certame virtual repartirá 300 euros en premios que se poderán investir en establecementos de hostalería de Poio
A presentación do concurso. DP
photo_camera A presentación do concurso. DP

O Concello de Poio inicia o camiño para despedir o Entroido confinado que está tendo bastante boa acollida entre os veciños. Os actos relacionados co enterro do Galo Fodorico, un evento que se transformará nunha homenaxe en redes sociais, foron presentados eset xoves pola concelleira de área, Raquel Rodríguez, e por Elena Barral, presidenta da asociación Ronsel, que tradicionalmente elabora ao galo protagonista do final do Entroido.

A idea deste ano é que as limitacións que impón a pandemia non impidan promover a cultura choqueira nin dar un pulo a algúns dos sectores máis afectados pola crise. Para iso, convocouse o Concurso Virtual de Choqueiros e Viúv@s, que se desenvolverá a través das redes sociais, desde o 22 ata o 27 de febreiro e no que importará o nivel de improvisación, reciclaxe, estilo enxebre e humor dos participantes .

Nas tres categorías (infantil, individual e familiar) haberá premios para os tres mellores disfraces e deseños, de 50, 30 e 20 euros, respectivamente, investíndose 300 euros en premios. No caso do concurso para os cativos e cativas, poderán facer uso dos premios para comprar material nas librarías do municipio de Poio. Polo que respecta á categoría individual, estas contías están pensadas para ser gastadas en establecementos da hostalería. Por último, os tres premios familiares serán para utilizar no comercio local. "Ademais de continuar promovendo o espírito do Entroido, poñendo en valor a figura do choqueiro e do noso Galo Fodorico, tamén ofrecemos á veciñanza a posibilidade de que se impliquen para dar un pulo á dinamización dos nosos negocios, comercios e establecementos hostaleiros", aclarou a responsable municipal de Cultura.

Para tomar parte no concurso, é preciso que, en primeiro lugar se suban as fotos (con carácter público) ás redes sociais, empregando o hashtag #Fodorico2021, para cumprir co obxectivo de "encher as redes de fotos de choqueiros e choqueiras". tal e como explicou Elena Barral.

PREMIADOS. Tal e como apunta o Concello, os gañadores daranse a coñecer o día 28. Ademais, nos perfís do Concello e da propia Asociación Ronsel se publicará a tradicional esquela sobre o pasamento do emblemático Galo Fodorico Agusto Bastante.

O Concello agradece a participación e acollida que están tendo este ano as convocatorias realizadas de modo virtual para manter viva a memoria do Entroido. Así, os diferentes vídeos que se foron publicando nos perfís oficias do Concello, que incluíron tutoriais culinarios protagonizados polo chef Pepe Solla, obradoiros infantís e pezas audiovisuais elaboradas coa colaboración de diferentes asociacións, contaron con milleiros de visualizacións.

Comentarios