viernes. 14.08.2020 |
El tiempo
viernes. 14.08.2020
El tiempo

"Deste curso poderá saír un 'think-tank' ou calquera iniciativa colectiva de 'artivismo"

Celia Gradín, nunha imaxe tomada na contorna de Ponte Caldelas, onde reside desde 2017. DP
Celia Gradín, nunha imaxe tomada na contorna de Ponte Caldelas, onde reside desde 2017. DP
Pode ser presentada como responsable dunha comunidade de augas, como unha das maiores expertas en budismo da provincia ou como artista social activa. Celia Gradín, residente en Ponte Caldelas, organiza un ciclo sobre a arte social que traerá a Pontevedra a destacadas figuras que día a día traballan para obrigarnos "a repensar o mundo"

A UNED acollerá o curso que vostede dirixe sobre Artivismo e espírito: interconexión e compromiso social. Como se pode explicar o artivismo?
Que o diferenza do activismo normal? Hai diferenzas. O artivismo é unha proposta de cambio social a través da arte e da intervención, pero busca cambiar a sociedade rompendo esquemas. No activismo hai outro protocolo, por así dicilo: hai que protestar, confrontar. Do que estamos a falar é precisamente dun cambio social que non precise iso, senón que nos obrigue a repensar, a actuar despois de percibir, de xeito que non é pesado. Trátase de conseguir o cambio social sen loita, sen confrontación. Obrigando a pensar.

Que é o que poden esperar os participantes?
Un pouco o desenvolvemento que lles vén na sinopse do curso, abordando cuestións máis xerais e algo que non vén aí e que é, ao meu xuízo, o máis interesante: a presenza en varias das xornadas de moitos artivistas, -así é como se denominan- que teñen xa un prestixio e unha traxectoria consolidada e cos que eu puiden estar en anos anteriores á miña mudanza a Ponte Caldelas.

Sobre a arte social
"Trátase dunha proposta de arte que busca cambiar a sociedade rompendo esquemas, obrigando a repensar"

Unha pensa en artistas como Banksy, en murais ou grafittis que queren remover a conciencia ao falar deste asunto...
O artivismo está enfocado menos no obxectivo individual da fama, do nome ou do prestixio do autor, e moito máis no beneficio colectivo, no ben da colectividade e, como dicíamos antes, en provocar o cambio evitando a loita, a confrontación.

Que poderán contar os artistas que acudirán ás sesións no centro da UNED?
Entre os confirmados, porque hai varios e varias deles cos que xa tiven outras experiencias está Vahida Ramuijic, unha moza nada en Serbia que traballa desde Barcelona e se ten enfocado a cousas como o traballo nos campos de refuxiados. Ela, cun simple folio, cambiou o mapa de relacións de todo un campo de acollidos, ao facer un diccionario dos 20 termos máis útiles. Outro dos asistentes confirmados será Heath Bunting, un pope do net-art (arte na Internet) e do artivismo que mesmo expón na Tate Modern e que se pode dicir que figura xa na historia da arte contemporánea polas súas accións. Tampouco me quero esquecer de Tenzin Yangchen, que agora é monxa budista, pero antes era unha coñecida artivista, que vén de documentar todo o seu proceso de transformación.

Sobre os participantes
"Un dos asistentes será Heath Bunting, un pope do net-art que expón na Tate Modern e que xa é parte da historia da arte"

Pontevedra está vinculada coa Facultade de Belas Artes e chea de estudantes deste título, son eles os destinatarios específicos deste curso de extensión?
É un curso apto ou que pode interesarlle aos estudantes de Belas Artes, pero tamén a quen poida sentirse atraído, sen máis. O ciclo ten a vantaxe de que se pode seguir de xeito presencial, ou online e de que esas clases virtuais quedan gardadas e lle son enviadas ao alumno. Eu o ano pasado impartín outro ciclo centrado na miña tese sobre o Kilkor (Teoría do Coñecemento), pero hai alumnos que aínda están repasando algunhas das leccións. Pódese adaptar aos tempos e necesidades de cada un, algo moi útil, xa que hoxe en día parece que nos impoñemos a obriga de chegar a todo, e non sempre é posible.

Respecto aos artivistas galegos, que podemos esperar?
Tamén as hai e non quixen esquecelas. Por iso contaremos con Verónica Perales, centrada na arte e o ecofeminismo, ou con Nerea Mallo, que é poeta, actriz, realiza performance, é activista ambiental, entre outras cousas e é de aquí de Pontevedra.

Cal é a forma de sacar adiante estes proxectos de arte social que non están centrados na monetarización nin en enxalzar a figura do autor?
É certo que son máis complicados, pero nas leccións finais do curso abordaremos este tema e falarei de como se poden sacar adiante por distintas vías, desde o crowfunding para lucro común ata distintas fundacións europeas que apoian a arte para o cambio social. É certo que o sistema capitalista é perverso, pero mesmo dentro, temos formas de sacar adiante estes proxectos. A idea é que a partir do grupo se vaia pensando en vías colectivas de actuación, se calla a iniciativa, ou, cando menos, que disto saia un think-tank ou calquera iniciativa colectiva de artivismo.

A relación con Ponte Caldelas
"EU MESMA ME CONSIDERO ARTIVISTA E VEXO QUE HOUBO MOITO DISO TRAS OS INCENDIOS DE 2017"

O curso desenvolverase en Pontevedra, pero vostede está radicada en Ponte Caldelas. Cal é a súa relación con este municipio?
Eu estou agora mesmo no sitio onde nacín, pero en realidade crieime en Ferrol, estudei en Santiago, despois en Barcelona, onde me aproximei á arte e a estes movementos, e despois vivín fóra e viaxei moito. Volver a A Roca forma parte da decisión de parar e facer que o que me gusta veña a min, en vez de perseguir eu as cousas.

E colaborar coa UNED?
Iso é algo que xa fixera anos atrás durante a miña estadía no Reino Unido e deixoume moi boa lembranza. En canto me aceptaron o primeiro curso aquí (xa levo impartidos outros dous), sentín unha alegría inmensa.

Considerase experta ou artivista?
Eu creo que son artivista. Levo dous anos aquí e lembro a resposta aos incendios de 2017 como un proceso colectivo moi forte, unha intervención que levou a crear o grupo Rexeneración e a que este se siga fortalecendo a pesar de que xa non está activo. Outro modo que teño de ser activa ante todo isto é presidir a comunidade de montes, secretaria da de augas, e seguir establecendo vínculos con todo.

Ata cando é posible inscribirse no ciclo?
Ata o día 22 de febreiro, aínda que tamén se admitirá aos alumnos que o fagan máis tarde.

"Deste curso poderá saír un 'think-tank' ou calquera iniciativa...
Comentarios