Dez adegas e a artesanía das palilleiras para gozar da X Festa do Viño de Vilaboa

O Concello ultima os detalles para a décima edición deste evento, na que actuará Milladoiro
Un dos postos da última edición da Festa do Viño de Vilaboa. ARQUIVO
photo_camera Un dos postos da última edición da Festa do Viño de Vilaboa. ARQUIVO

As palilleiras de Figueirido estarán esta fin de semana na carpa que se instalará en Riomaior para acoller a X Festa do Viño. As palilleiras farán unha exposición dos seus traballos no expositor da carpa que complementará a presenza en Riomaior dos artesáns locais. As casetas adquiridas polo Concello a finais do 2021 con motivo do primeiro Mercadiño de Nadal volverán acoller a Laura Filgueira con ERRE3; Carmen Castro con Cachiboreta e Alcrique cos seus produtos artesáns.

O programa da X Festa do Viño de Vilaboa, que terá lugar os días 6 e 7 de maio debaixo do viaduto de Riomaior, complétase deste xeito coa artesanía local.

Na citada explanada instalarase a carpa que acollerá os 10 postos nos que se unen adegas da IXP do Morrazo e dos colleiteiros locais que aproveitarán o evento para dar a coñecer a singularidade dos seus caldos.

Así, entre os adegueiros e adegueiras estarán Elisa Ruibal García, de Casa da Boullosa; Manuel Conde Conde; Manuel Collazo Fernández; Jesús Amoedo Leiro, de Casa da Torre; Manuel Rúa, de Casa Quinteiro e Martín Torres González , de Casa Cañoteira. Entre os caldos da IXP Ribeiras do Morrazo estarán Adega Ardán, de Marín, a poiense Adega Mosteiro de Poio e Adega Os Areeiros, de Vilaboa, así como e José Blanco Martínez, de Quinteiro de Sabela.

Os viños poderán degustarse nunha copa editada polo Concello para esta ocasión e serigrafada co logo da festa e que poderá adquirirse ao prezo de 3 euros, retornables en caso de devolvela en perfectas condicións.

Postos de comida, e tamén de doces, acompañarán aos viños. A programación iníciase o sábado de 12.00 a 00 horas e o domingo de 12.00 a 17.00 horas e na que a promoción dos caldos estará arroupada por actividades culturais e unha potente proposta musical, co concerto de Milladoiro ás 22.00 horas do sábado e a actuación do o grupo de gaitas Aires de Cobres ás 12.30 horas do domingo.

Tanto o alcalde, César Poza, como a concelleira de Dinamización, Carmen Gallego, confían en que a Festa do Viño de Vilaboa acade o mesmo apoio social que a Festa do Mar.

Comentarios