Dez restaurantes de Arcade homenaxearán a Rosalía co 'Caldo de gloria'

A Deputación inicia este venres os actos en memoria da poeta coa presentación do facsímil dos poemas que sobreviviron á queima dos seus manuscritos
Presentación do Caldo de Gloria, en Soutomaior. D. P.
photo_camera Presentación do Caldo de Gloria, en Soutomaior. D. P.

Un total de dez restaurantes da vila de Arcade sumaranse este luns á proposta da Concellería de Comercio para celebrar o aniversario do nacemento da escritora Rosalía de Castro cunha homenaxe nos seus menús: o coñecido Caldo de Gloria.

A iniciativa consiste en ofertar este histórico prato cun acompañamento moi especial: os poemas de Rosalía escritos nos seus manteis e como adorno das súas mesas. A iniciativa, impulsada pola Fundación Rosalía de Castro, está inspirada no poema Miña Casiña, meu lar de Follas Novas. Nel, a poetisa relata, en voz de una muller pobre, a épica diaria da supervivencia. Paso a paso, la dona explica o xeito de facer un "caldo de gloria" con poucos recursos. O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, aproveitou a ocasión para agradecer aos hostaleiros a colaboración e aceptación da proposta. Os establecementos Avenida, Bodegón, A Casa do Muelle, Beiramar, O Recreo, Quedamos, Marisquería Arcade, Churrasquería A Muxíca, Tapería A Lareira e os bares O Piñeiro e Casa Calvar serán os referentes nesta cita.

En Pontevedra. O evento rosaliano non é a única dos existentes no panorama comarcal para loubar a obra da galeguista. De feito, este venres, as instalacións da Deputación acollen a presentación dun dos dos 313 exemplares dunha edición limitada en facsímile que recolle os manuscritos poéticos de Rosalía de Castro que sobreviviron á fogueira trala súa morte e que poderán consultar os cidadáns. A deputada de Lingua e Patrimonio, María Ortega, presentará o sábado este exemplar no acto institucional organizado para conmemorar o nacemento da poeta galega, para que despois poida ser consultado na biblioteca do Arquivo Provincial.

Ademais de presentar este exemplar, a Deputación celebrará na xornada do venres a conmemoración do nacemento de Rosalía cun acto no que se repartirán gratuitamente libros en galego e camelias do cultivar Rosalía de Castro entre o público asistente.

Comentarios