lunes. 14.10.2019 |
El tiempo
lunes. 14.10.2019
El tiempo

Un día para lembrar tamén a Amalia Álvarez

Amalia Bóveda, filla de Alexandre Bóveda e a Amalia Álavarez, este sábado, nos actos de conmemoración do Día da Galiza Mártir. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Amalia Bóveda, filla de Alexandre Bóveda e a Amalia Álavarez, este sábado, nos actos de conmemoración do Día da Galiza Mártir. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
"Para poder recuperar a memoria sempre ten que haber alguén que a manteña", di Valentín García Bóveda sobre a súa avoa

O Parque Amalia Álvarez acolleu onte a entrega do Premio Galiza Mártir, que este ano se lle adxudicou ó presidente da Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36, Telmo Comesaña Pampillón, que recolleu o galardón visiblemente emocionado. "Este premio vai ocupar un sitio de honra no meu estudo", afirmou.

Ó acto no barrio da Eiriña acudiron membros da sociedade civil pontevedresa e algúns representantes políticos como Luís Bará, deputado do BNG. Valentín García Bóveda, neto de Alexandre Bóveda e Amalia Álvarez, deu as grazas dende a Fundación Alexandre Bóveda a todos os asistentes, destacando a importancia de dar visibilidade a estes recoñecementos, que espera que sexan apoiados por máis xente nun futuro.

Durante o seu discurso, García Bóveda puxo en valor a importancia da memoria histórica, entendéndoa como un gran baluarte que pode derrubar moitos muros. "Eu agardo que o meu fillo Antón disfrute doutra memoria diferente á que eu tiven", indicou. "Hoxe en día hai moita xente que descoñece o que pasou. Se non sabemos de onde vimos, malamente imos saber cara onde vamos", advertiu.

Por outra banda, o neto de Bóveda destacou a labor das asociacións como a de Telmo Comesaña e lamentou que estas entidades non teñan a capacidade nin os medios suficientes. "Telmo foi un home que tivo unha loita enorme e todos os que estamos na memoria sabemos o que desgastan estas loitas", subliñou.

García Bóveda asegurou que o presidente da Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36 levaba moito tempo preseleccionado pola Fundación para ser galardoado. "Cóstame dicir que son merecedor dun premio por facer o que fago, pero se así o entendedes eu o recíboo con moito gusto", dixo moi emocionado o propio Comesaña.

CAMBIOS

O Premio Galiza Mártir entregábase, ata este ano, nun xantar de confraternidade. Nesta ocasión, a Fundación Alexandre Bóveda quixo darlle un carácter máis público e significativo, polo que elixiu o parque que rende homenaxe á muller do intelectual galeguista fusilado o 17 de agosto de 1936. "Non podemos esquecer que para poder recuperar a memoria sempre ten que haber alguén que a manteña", dixo García Bóveda en referencia á súa avoa, que conservou o legado do mártir galego.

Os actos do Día da Galiza Mártir continuaron cunha misa solemne e coa tradicional ofrenda floral no cemiterio de San Amaro. Ata este punto se desprazaron distintas personalidades do ámbito social, asociativo e político. Entre elas, o portavoz nacional de Anova, Antón Sánchez.

Un día para lembrar tamén a Amalia Álvarez
Comentarios