Díaz activa as tramitacións contra a sala velatoria

O Concello impulsa unha declaración de ineficacia para frear a licenza

Andrés Díaz (esquerda), reuniuse co arcebispo de Santiago. CEDIDA
photo_camera Andrés Díaz (esquerda), reuniuse co arcebispo de Santiago. CEDIDA

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, asinou este venres unha providencia pola que inicia o procedemento para declarar a ineficacia da solicitude de licenza, presentada pola funeraria San Marcos, para o acondicionamento e a apertura dunha sala de velorios na chamada "Casa das Catequeses", un edificio situado a carón do Consistorio e da igrexa. O acto concede un prazo de audiencia de dez días á firma solicitante. Unha vez concluído o trámite, resolverase a través dun decreto asinado polo alcalde. A declaración de ineficacia, que invalida a solicitude de licenza, fundaméntase na cualificación urbanística do inmoble, que aparece nas Normas Subsidiarias de Ponte Caldelas, do ano 1992, dentro dun polígono destinado a equipamentos e vinculado á Casa do Concello, coa que forma un conxunto edificatorio cualificado para usos administrativos.

Por outra banda, Andrés Díaz entrevistouse onte co arcebispo de Santiago, Julián Barrio, para expresarlle o malestar do Concello e da veciñanza de Ponte Caldelas polo alugueiro deste inmoble, titularidade da institución eclesiástica, á empresa funeraria. "Existe un amplo consenso en contra desta iniciativa, ao entender que non é o lugar adecuado para unha sala de velorios", sinala o tripartito. Díaz agradeceu "a boa vontade do arcebispo" e avogou por unha resolución satisfactoria para tódalas partes dun conflito que non tería que terse producido nunca.

O rexedor socialista tamén ten previsto manter unha xuntanza co responsable da funeraria pontevedresa para abordar este polémico asunto.

O PP carga contra a xestión financeira de Díaz
O Partido Popular acusa a Díaz de "certificar a súa nefasta política económica" tras asinar a liquidación do orzamento xeral municipal para o exercicio do 2018, cando o remanente de tesourería obtido no 2017 (728.898,53 euros) quedou reducido a 64.917,55 euros.
Esta "deriva económica catastrófica" é aínda maior, sinalan os ‘populares’, "cando se coñece que entre finais de 2017 e de 2018, o Concello subscribiu tres préstamos (dous coa Deputación por importe de 149.162,37 euros e 390.994,50 euros, respectivamente, e outro máis co BBVA de 303.171,06 euros) e rematou o exercicio co recoñecemento extraxudicial de débeda a provedores duns 260.000 euros, o que dá boa medida do seu descontrol económico-financeiro".

 

Comentarios