O Concello de Poio vén de iniciar o operativo especial de limpeza de praias con dúas brigadas municipais.
Dentro deste dispositivo, o Goberno explica que este ano se recuperarán tanto a colocación de papeleiras de recollida de plástico e orgánico nas saídas das praias, así como as duchas e os lavapés, co obxectivo de mellorar e ampliar a calidade dos servizos que se ofrecen.
Así, comeza a limpeza de praias con maquinaria específica en todos aqueles areais nos que sexa posible o acceso ou nos que o permita as mareas. Durante esta semana, os operarios ocupáronse de acondicionar e desbrozar os accesos e as escaleiras, e os socorristas xa están instalados en Siorto e Cabeceira. Segundo explica o alcalde, Ángel Moldes, moitos concellos turísticos destinan fondos do Plan Concellos para contratar persoal que se ocupe da limpeza de praias, pero no caso de Poio nos últimos anos o Tripartito apostou por reducir a contratación de persoal de servizos e conductores e priorizou destinar os fondos provinciais a eventos, concertos ou festas.
Menos recursos
Por iso, desde o Goberno local piden desculpas porque en dúas semanas non só tiveron que solucionar o estado de abandono no que se atopaban as praias e areais do municipio, senón que ademais tiveron que facelo cos poucos recursos de persoal e man de obra que estaban dispoñibles no concello. Deste xeito, insisten en que se está a traballar "con partidas económicas esgotadas e escasos recursos humanos".
Con todo, Ángel Moldes confía en deixar ao longo desta semana todas as praias nunha situación de disposición total para o correcto uso por parte dos visitantes e veciños.