A diversidade é unha festa no CPI O Toural de Vilaboa

O colexio celebrou o mércores a Festa das Culturas, que contou con gran participación de pais e alumnos

Festa das Culturas no CPI O Toural. JAVIER CERVERA
photo_camera Festa das Culturas no CPI O Toural. JAVIER CERVERA

O Colexio Público Integrado O Toural de Vilaboa acolleu este mércores unha das datas máis sinaladas do seu calendario anual: a Festa das Culturas.

A cita, promovida pola comunidade escolar en colaboración coa ANPA celébrase desde hai anos e pretende dar cabida en forma de feira con distintos postos á diversidade cultural e de procedencias do alumnado deste centro, así como dos pais e membros da comunidade escolar.

Na convocatoria deste ano tivo especial presenza a cultura marroquí, posto que os pais e nais dos alumnos de procedencia norteafricana levaron unha abondosa mostra de sobremesas, tés e outros elementos da súa gastronomía, que, ademais, foron moi demandados polos alumnos. Tampouco faltaron sobremesas de carácter tradicional, ponches, limonadas e bebidas frías sen alcol, e outras lambetadas coas que facer máis doce a última cita colaborativa do ano escolar. Entre outros postos de ocio, os cativos contaron cunha exhibición de pombas de xabón xigantes que fixo que máis dun quedara abraiado pola fermosura e forza destas burbullas, mentras que outros alumnos preferiron entreterse con xogos de auga, unha piscina inchable e mesmo pistolas cheas de líquido elemento que axudaron moito a refrescar a tarde. Tampouco faltaron pais e nais talentosos que exhibiron a súa habilidade co coiro coas canas e os bugallos, coa elaboración de pan, té xitano ou coa ecopercusión.

A festa, que outros anos se ten celebrado moito antes das datas de fin de curso é unha das vías elixidas pola comunidade escolar para traballar na unión dos integrantes de todas as procedencias e para convertir a súa diversidade cultural e social nunha das principais riquezas.

Comentarios