Javier Lois Abal 'Chufi', Protección Civil de Cerdedo-Cotobade

"Con dúas bases chegamos a calquera punto en 20 minutos"

Dirixe unha agrupación de 16 voluntarios que responden ante accidentes ou emerxencias nun dos concellos máis grandes da provincia de Pontevedra

Javier Lois Abal, Chufi, responsable de Protección Civil de Cerdedo-Cotobade. RAFA FARIÑA
photo_camera Javier Lois Abal, 'Chufi', responsable de Protección Civil de Cerdedo-Cotobade. RAFA FARIÑA

LEVA XA varias semanas ao cargo da Agrupación de Protección Civil do Concello de Cerdedo-Cotobade, despois da renuncia de José Luis Crujeiras Garrido ao posto. O cambio para el non parece ser tan custoso como o traballo de coordinar un grupo de voluntarios único, que debe asumir o dobre de terreo e máis variedade de incidencias.

Como foi o seu nomeamento?
Despois da renuncia do anterior presidente celebrouse unha asemblea na que se escolleron aos membros da nova directiva, que encabezo eu. Aínda que a renovación foi total, o cambio en realidade non é tanto, porque somos un grupo ben cohesionado, que ten unha boa coordinación e unha disposición que xa quixeran moitos para si.

Como é iso de atender un concello tan grande? Canto espazo abarcan, de punta a punta?
Moito. É obvio que se estamos atendendo algo en Augasantas non poderemos respostar en Filgueira en pouco tempo. Para resolvelo temos dúas bases que nos permiten que os voluntarios vaian traballando por proximidade. Imos repartindo os avisos entre a base de Cerdedo ou a de Cotobade, segundo faga falla. O que conseguimos é estar, como media, en 20 minutos en calquera punto do concello. Sempre vai o que estea máis preto do punto no que se produce a alerta.

Reivindicación
"Ás veces dá a sensación de que a xente non é consciente de que facemos isto sen cobrar"

Cantos voluntarios cooperan coa agrupación?
Somos 16 en total. Está moi ben que se lembre que somos voluntarios -como indica a palabra- porque ás veces parece que a xente non sabe que facemos isto sen cobrar un peso. É máis, animamos a todos os que sintan interese pola formación a que se unan e cooperen, porque aí é onde se pode comprobar como traballamos e que todo se fai de xeito altruísta. En realidade, teño que dicir que este equipo é unha gran familia e é de agradecer ter compañeiros con tanta vocación de servizo.

Cales son as incidencias máis frecuentes en Cerdedo-Cotobade?
No que máis participamos é en intervencións por animais soltos ou abandonados. Tamén en accidentes de tráfico, porque a rede viaria é moi ampla. Outra incidencia frecuente son os incendios e ás veces tamén se dá o caso dalgunha persoa perdida.

Cales son as principais necesidades da agrupación?
Agora mesmo estamos loitando por un segundo vehículo para a base de Cotobade. Na de Cerdedo hai dous e iso permite respostar a dúas incidencias en paralelo, pero en Cotobade non dispoñemos desa posibilidade para desdobrarnos, se non é botando man da pick up do Concello e esta é un material específico para incendios.

Que tipo de formación reciben os voluntarios?
Os voluntarios acudimos periodicamente a cursos de primeiros auxilios, reanimación e primeira resposta ante accidentes e todo tipo de incidencias. É moi bo que os renovemos periodicamente, precisamente para evitar ir esquecéndonos de cousas que son moi necesarias en momentos nos que non se pode fallar.

Cales son os seus plans de futuro para a agrupación?
Agora mesmo queremos seguir avanzando na organización das dúas bases e na resposta rápida ás incidencias. Outra cousa que querería facer é, precisamente, favorecer a impartición de cursos e actividades nos colexios para que os nenos e as nenas aprenderan tamén algunhas nocións elementais sobre primeiros auxilios e, por suposto, nos lugares e asociacións onde se practica deporte de base, para que se soubesen manexar as situacións máis delicadas. Outra cousa que pretendo facer é ir polos coles a impartir unhas charlas presentando a agrupación, para explicar quen somos, o que facemos e como se pode colaborar con nós.

Comentarios