O edil de Ponte Caldelas accidentado narra a súa traxedia: "Tiña unha hipotermia tan forte que entrei en parada"

O 7 de xaneiro un xabarín cruzouse co seu coche e caeu por un desnivel de 20 metros, nun río, en plena noite, na Lama. Dous meses despois, José Manuel Mrtínez conta por que o actual mapa de emerxencias lle puido costar a vida

 

 

José Manuel Martínez, edil de Ponte Caldelas. DP
photo_camera José Manuel Martínez, edil de Ponte Caldelas. DP

"Eu dígolle aos políticos que traballen no Mapa de Emerxencias, que se deixen de temas de partido, porque non teñen nin idea do fodido que é isto". Quen di esta frase estivo a piques de morrer pola ineficiencia do sistema de emerxencias. Trátase de José Manuel Martínez, é edil da AVP en Ponte Caldelas e o 7 de xaneiro caeu co seu coche por un desnivel duns 20 metros en Ponte Moa, na Lama. Isto sucedeu ás nove da noite e entre localizalo e derivar aos Bombeiros de Ribadumia (a 60 quilómetros) para o rescate, "ata as dúas da mañá non cheguei a Urxencias".

Como foi a súa convalecencia desde ese fatídico domingo?

Sigo de baixa e estarei aínda uns meses. O meu ril está mellor, e tamén os pulmóns, pero teño tres fracturas na perna, en tibia e peroné, e cústame moverme. Ademais, dóenme as costelas.

Pode dicirse que un mal mapa de emerxencias influíu na gravidade do seu estado?

É que case me custa a vida. Cando por fin me atenderon (catro horas despois) tiña una hipotermia tan forte que entrei en parada cardíaca. A ambulancia parou no medio da Lama para reanimarme. Tiven fracturas abertas metidas no río. A infección que iso me causou tardou máis en curar. Ata os 20 días non puideron operarme...

Que lle di aos políticos con responsabilidades nas emerxencias?

Que traballen nisto, que esquezan o partidismo e se poñan, porque non saben o fodido que é. Temos o mesmo problema na Lama, en Cotobade e en Caldelas. Un problema moi gordo, que os políticos, en realidade, non saben aínda que dimensións ten...

No seu caso, mesmo se alegra de non ter chamado ao 112, non?

É que só puiden facer unha chamada. Na zona non hai cobertura. Dinlle a rechamada e falei co meu compañeiro, que ía noutro coche. El e meu cuñado chamaron a rapaces da zona que sabían onde buscar. Unha ambulancia de Pontevedra non me ía atopar nunca.

"Temos o mesmo problema na Lama, en Cotobade e en Caldelas, os políticos non teñen idea aínda do fodido que é isto"

 

Que lembra do sucedido ese día?

O accidente tíveno porque se cruzou un xabarín. Din un volantazo e o coche fóiseme á esquerda. Non lembro ter caído, pero sei que espertei polo ruído da auga. Meu cuñado mediuno e díxome que o coche caeu 19,5 metros, e que quedou cas rodas para arriba no río. O habitáculo era un caos. Collín o móbil e coa lanterna iluminei para ver. Despois fixen a chamada e, por sorte, meu amigo colleu. Dixen que tivera un accidente e caera entre Seixido e Antas, pero non sabía onde, nun río ou regato, pero hai tantos... Despois pensei que podía estar máis tranquilo, atoparme era o difícil.

E como fixo para saír do coche?

Dábame a impresión de que a auga ía subindo dentro, así que libereime e fixen por soltar o pé atrapado. Rompín o cristal a puñadas e saín. Saquei medio corpo e alí esperei, agarrado á roda.

Case dúas horas...

Si. Collín o móvil de novo para acender a lanterna e esvarou ao regato, xa non sentía os dedos. Quedei sen luz e sen comunicación. A búsqueda fíxose longa. Ata pensei en subir a gatas. Cando vin as luces de coches arriba, comecei a berrar para que me oíran. Baixaron cinco mozos.

E despois a espera polos medios...

A veces perdía o coñecemento, pero eses cinco mozos non me deixaron nin un instante. Sacáronme, tapáronme coas cazadoras e non paraban de falarme. Eu tiña tanto frío que non sentía nin a dor. Estaba tan mal que pensaron en levarme eles... Cando me atoparon a médica non puido baixar, e atendeume un enfermeiro. Tiña o corpo a 30 graos! Nin a vea me daba pinchado...

Puido falar cos seus salvadores?

Só cun deles. Cando me recupere de todo irei estar con eles e agradecerlles o que fixeron. Estiveron xeniais: non me deixaron un minuto. Tamén lembro ao enfermeiro, aos compañeiros de caza que me buscaban co coche... En fin, a todos, e tamén aos moitos os que me visitaron e amosaron cariño e apoio neste tempo, que son máis dos que esperaba.

Comentarios