Educación cubrirá a praza de Xeografía do IES de Poio "con carácter inmediato"

A comunidade educativa desconvoca as mobilizacións previstas e pide "reacciones más rápidas" tras este episodio, ao que se lle suma o desaxuste no transporte escolar, xa solucionado
IES de Poio. RAFA FARIÑA
photo_camera IES de Poio. RAFA FARIÑA

As xornadas de protesta convocadas no IES de Poio para reclamar a cobertura dunha praza de Xeografía e Historia non tiveron que chegar a un terceiro capítulo. Tal e como anunciou o propio instituto durante a mañá de onte, e así o confirmou a Consellería de Educación, a praza cubrirase "con carácter inmediato". Segundo explicaron dende a Consellería a este medio, as necesidades do centro foron analizadas por parte de Inspección Educativa, que finalmente resolveu a cobertura da praza. Dende a Anpa, á súa vez, indicaron que a incorporación da nova mestra substituta ao instituto realizarase hoxe mesmo, tal e como se informou aos pais e nais.

A medida chega in extremis para anular a protesta que estaba convocada para a tarde deste mércores e na que, ademais de participar o claustro do instituto, que nos días anteriores xa se viña manifestando nas horas do recreo, ían estar presentes os pais e nais do alumnado. Do mesmo xeito, dende o centro anunciaran a vontade de intensificar as protestas e mesmo chegar a "parar as clases" de non solucionarse unha situación que mantiña a todo o alumnado de 1º da Eso e ao da asignatura de Xeografía de 2º de Bacharelato sen poder acceder ás clases destas materias dende o comezo deste curso, polo que estas horas lectivas tiñan que ser suplidas polo profesorado de garda.

Dende a comunidade educativa celebraron a atención da petición do centro por parte da Xunta, algo que a Anpa valorou "positivamente", se ben manifestaron que "no tendríamos que haber llegado a esta situación, ya que ha pasado casi un mes desde el inicio de las clases y en todo este tiempo los alumnos correspondientes no puedieron tener clases de esta asignatura". Así o espuxo o presidente da Anpa, Juan Pedro Sanz, quen reclamou en nome da asociación de nais e pais "reacciones más rápidas" por parte da Consellería de Educación. Neste sentido, á situación xerada ante a falta de cobertura da praza de Xeografía e Historia, hai que sumarlle o desaxuste no servizo de transporte escolar dende o inicio de curso que, se ben xa está solucionado dende hai días, mesmo obrigou a intervir á Policía Local para investigar o cumprimento do protocolo covid e as causas polas que, durante varias xornadas, moitos alumnos e alumnas non puideron acceder ao autobús cando se atopaban nas correspondentes paradas.

Tal e como explicaron dende a Anpa dende o propio centro, compensouse a sobrecarga dunha das liñas co reaxuste na distribución das paradas, se ben, segundo valorou Sanz, "estos reajustes se tendrían que haber hecho de forma previa al inicio del curso".

Comentarios