"Eliminar o lobo, non, pero controlalo é necesario; en caso contrario será como o xabarín"

Roberto Louzán, gandeiro da comarca que se viu afectado polas incursións do depredador reflexiona sobre a posibilidade de que pase a ser especie protexida 
Roberto Louzán, con parte do seu rabaño caprino, que cría en extensivo en Viascón. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Roberto Louzán, con parte do seu rabaño caprino, que cría en extensivo en Viascón. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Non é a provincia máis lobeira, máis tamén en Pontevedra se vive de cerca o debate sobre a inclusión a nivel estatal do lobo na Lespre (Listado de Especies Silvestres en Régimen de Protección Especial).

No último Censo do Lobo en Galicia, un documento presentado en 2015 que a Xunta xa anunciou que se está estudando renovar, detectáronse 90 grupos reprodutores distribuídos polas catro provincias, e 14 deles compartidos con outras comunidades e Portugal. Na provincia de Pontevedra, consta segundo este estudo a existencia de 13 mandas, cinco das cales teñen tamén parte do seu territorio en Lugo e Ourense.

A presenza dunha importante cantidade de ganderías en extensivo, así como a abundancia de cabanas de gando mostrenco, vacún e cabalar, que albergan os montes, fai que a convivencia co canis lupus non sexa todo o pacífica que se quixera no interior, nin na comarca de Pontevedra, onde tamén se lembran incursións do depredador que causaron estragos. Na gandeiría de Roberto Louzán, en Viascón, entre 2017 e 2018 perderon máis de sesenta cabezas de caprino fruto dos ataques deste animal. El analiza -despois dun ano con algunhas baixas, pero tranquilo- o que pode supor o cambio de status da especie.

"Penso e sempre o dixen, que o lobo non se pode erradicar, pero controlalo é necesario; en caso contrario será como o xabarín, que hai unhas décadas apenas o vira ninguén e hoxe é case unha praga", afirma, en referencia á abundancia de exemplares de porco bravo.

AXUDAS. ¿Será isto o que sucederá? Este é un dos temores do gandeiro, que, sen embargo, non atopou nas batidas autorizadas por danos a solución ao seu problema de 2018. Daquela, escorrentaron á manda, pero non minorou as perdas ata que contou con mastíns. "Con todo, tamén isto é difícil para nós: eu preciso cinco mastíns e comen 160 quilos de pienso ao mes, que custa uns 2.500 euros ao ano, por mantelos, máis o gasto veterinario. Un deles foi atacado por varios lobos e para salvalo gastamos máis de mil euros", explica. "Nin cen euros tiven de axudas, porque para iso non se contemplan", aclara.

"Logo, se aumentan as mandas, como eu creo que vai pasar, sen poder facer nada por cazalo, espantalo ou usar muladares e deixar ao alcance do lobo animais mortos e sans cos que se poidan alimentar cando non teñen caza e que eviten que se achegen ás explotacións, a cousas poden poñerse difíciles", sinala. Sobre o furtivismo, pensa "sempre o houbo e é difícil que non aumente, se á xente lle pechan as posibilidades de resposta". 

Posturas contrapostas da Administración autonómica e os conservacionistas

"De 691 avisos por danos do lobo en 2010 pasamos a 1.303 en 2020" 


Hai dous cabalos de batalla no plano político con respecto á incusión do lobo no Lespre. Belén Do Campo, directora xeral de Patrimonio Natural defíneas: unha é de legalidade, sobre como foi decidida a inclusión "sen contar coa opinión das catro comunidades autónomas que xestionamos o 95% da especie no territorio español, e nunha votación na que as comunidades que non teñen lobo nin o esperan, votaron aliñándose co Ministerio" e, outra, sobre as competencias que comprenden a autonomía para desenvolver, entre outras, "unhas accións cinexéticas que en Galicia son moi puntuais, en caso de danos reiterados, que deben ser constatados e pasar por un comité provincial que as autorice". Do Campo insiste en que nese marco "as comunidades lobeirasBelén do Campo, directora xeral de Patrimonio Natural. JOSÉ LUIZ OUBIÑA pensamos que actuamos correctamente, porque o facemos tendo en conta a directiva Hábitat da Unión Europea, que é a que nos di que as poboacións de lobo galegas teñen a consideración de especie de interese comunitario, porque estamos ao Norte do río Douro, e pode ter medidas de xestión, incluidas as accións cinexéticas concretas", que, insisten, distan moito de ser como se insinuou, accións de caza convencional. Sobre a presenza do lobo en boas condicións, a directora xeral considera que os avisos das granxas son xa un indicativo: "De 691 avisos por danos do lobo en 2010 pasamos a 1.303 en 2020", sinala, "un 90% de incremento que fixo preciso que o gasto en axudas por danos incrementase. Contabilizáronse 2.310 reses afectadas no territorio galego", sinalou. Do Campo indica que, a actual xestión, cuxa continuidade se defenderá con alegacións na fase de consultas desta orde ministerial (ata o 26 de febreiro aínda se poden presentar alegacións e a directora anima aos colectivos afectados a facelo), está encamiñada a favorecer a prevención dos danos (cun investimento de 1,2 millóns entre 2016 e 2020) e a paliar as perdas rexistradas (con 1,5 millóns nos últimos tres anos).

"Non se sostén pedir poder matalos se non se cazou un só legalmente desde 2014" 


"A inclusión do lobo no Lespre, avalada polo sector científico, ten que ser un primeiro paso, pero deben vir outros detrás para que a especie goce dunha protección real e efectiva", indica Miguel Mosquera, o directivo de Acopo fauna, un coletivo moi centrado na siuación desta especie na comunidade e coñecedor tamén da situación no Norte de Portugal onde un estudo constatou como o 50% dos lobos radiomarcados con GPS recibiron disparos ilegalmeMIguel Mosquera, de Acoponte ou foron envenenados. "Ademais da regulación do que se considera caza legal, é importante que a Administración se implique e combata decididamente o furtivismo, que é a primeira causa de morte do lobo en Galicia. Queremos reivindicar a figura dos axentes de Medio Ambiente e vixiantes, que fan un traballo importantísimo nunhas condicións precarias. Sabemos do aumento de mortes ilegais de lobos durante as batidas ao xabaril, pero non é posible que os axentes realicen, por recursos humanos e técnicos, o control axeitado", sostén, para sinalar ese como "un dos puntos críticos cara á supervivencia do lobo". Tampouco a sobrepoboación preocupa a Acopo que lembra que "os grandes carnívoros nunca viven en altas densidades nin en Galicia, nin en África nin en Alaska. Están sempre condicionados pola dispoñibilidade dos recursos alimenticios na contorna, e o feito de que non se maten, non implica que o número de exemplares vaia medrar". A asociación aposta pola modernización das explotacions "se un restaurante non se deixa coa a porta aberta pola noite, por exemplo, tampouco unha explotación debería" e lembra que a especie tamén ten un papel regulador sobre as enfermidades que poden transmitir os ungulados silvestres como o xabarín ao gando doméstico. Respecto ao valor da caza como ferramenta de último recurso, argumenta, os fracasos das últimas batidas falan: "non se sostén pedir poder matalos cando non se cazou un só lobo legalmente desde 2014 en Galicia". 

Comentarios