Entra en funcionamento o portelo de pago telemático dos impostos e taxas en Poio

O Concello permite o abono dixital de todos os conceptos, salvo os de Servizos Sociais e instalacións deportivas
 
2020071711341394462
photo_camera O edil de Facenda, Xulio Barreiro. X.X.

O concelleiro de Facenda de Poio, Xulio Barreiro, indicou onte que desde o pasado 1 de xullo xa está operativa na sede electrónica do Concello a nova pasarela a través da cal a veciñanza ten a posibilidade de efectuar os pagamentos de recibos de xeito telemático.

A Concellería de Facenda implementou esta posibilidade, que estaba dentro da axenda de servizos do departamento en aras a unha maior efectividade da sede electrónica, e tamén para facilitar as transaccións desde o fogar nunha época na que se pide manter as medidas de prevención para evitar posibles casos de propagación da Covid-19.

En concreto, esta opción ofrécese na web municipal, no apartado denominado Pagamento de Recibos e Tributos.

Deste xeito, o abono de recibos derivados das liquidacións de taxas e prezos que se fagan no Consistorio deberán efectuarse de forma exclusiva a través dos recibos normalizados que se emitan polo departamento de Tesourería Municipal.

Entre outros, deberán empregarse estes recibos para cobros como o Icio e as taxas de Urbanismo, os prezos pola realización de cursos de Promoción Económica, as taxas pola ocupación de dominio público, as correspondentes pola celebración de vodas e as multas de tráfico.

SERVIZOS SOCIAIS. Os pagamentos poderán efectuarse de xeito telemático, grazas a esta pasarela da sede electrónica, ou ben nas oficinas de Abanca. Pola súa banda, os abonos correspondentes aos prezos das actividades de Servizos Sociais ou polo uso de instalacións deportivas seguirán cobrándose como até o de agora.

O Concello aproveita para anunciar que está a traballar tamén na posta en marcha na propia Sede Electrónica dun sistema de autoliquidación para que os propios contribuíntes poidan obter e pagar de xeito telemático os seus recibo dalgunhas das taxas e conceptos de pago, sen necesidade de ter que realizar estas xestións de xeito presencial na Casa Consistorial.

TAXAS E COVID. Por outra banda, Xulio Barreiro lembrou que no mes de agosto os empresarios e autónomos afectados polos paróns que foron obrigatorios durante a fase máis dura do confinamento poderán comezar a tramitar as exencións das taxas cuxas ordenanzas foron modificadas para ofrecer medidas de apoio fiscal aos veciños.

O 26 de xuño publicouse no DOG a modificación da ordenanza do cobro da taxa pola recollida e tratamento do lixo a través da cal se impulsa unha reducción de ata o 100% do pago destinada a aquelas empresas e autónomos que se viron forzados a pechar.

Esta publicación debe someterse a un periodo de alegacións, ou exposición pública que dura trinta días, motivo polo que se calcula que, de non producirse ningunha alegación que o impida, esta exención poderá empezar a solicitarse durante o próximo mes de agosto.

Comentarios