Entran en vigor máis de media ducia de bonificacións do Ibi, viñeta e plusvalías

As reducións foron aprobadas o ano pasado polo Goberno local cos votos en contra do PP ► Os populares critican a "subida de impostos"
Casa do Concello de Poio. ADP
photo_camera Casa do Concello de Poio. ADP

Máis de media ducia de bonificacións aprobadas o pasado ano polo Goberno local xa están en vigor, e pódense solicitar a través da Sede Electrónica, presentando unha instancia xeral, ou ben a través do ORAL. O Concello pon a disposición da veciñanza, ademais, un espazo na súa páxina web no que se informa sobre a documentación a presentar para poder optar a estas bonificacións. As reducións, neste sentido, teñen en conta ás familias numerosas e buscan "reducir as emisións de gases de efecto invernadeiro", seguindo, deste xeito, as pautas da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible da ONU.

Así o explicaron dende o Goberno local, que aprobou sete bonificacións cos votos en contra do PP na Comisión de Facenda na que se impulsaron as medidas que, segundo o Goberno, buscan establecer uns impostos "máis xustos, equitativos e equilibrados", e que se suman á política do Concello de "conxelación de taxas de servizos básicos".

No caso das familias numerosas, terán dereito a unha bonificación do 50% sobre o Imposto de Bens Inmobles (Ibi), pensada para aquelas unidades familiares que dispoñan dunha renda que non supere os 30.000 euros. O Ibi tamén se verá reducido nun 25% no caso de vivendas construídas antes de 2007 e nas que se aposte pola instalación de sistemas para o aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía solar. Tamén se contempla un 25% de desconto a favor de inmobles onde se leven a cabo explotacións agrícolas ou gandeiras que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal.

As persoas propietarias de automóbiles híbridos gozarán dun desconto do 50%, que aumentará ao 75% no caso de vehículos eléctricos. Neste caso, aplícase unha suba do 10% para turismos, sen que afecte a autobuses, camións, tractores ou motocicletas e a ordenanza de plusvalías contempla reducións do 95% no caso de transmisións de vivenda habitual e do 50% para herdanzas en vida.

CRÍTICA DO PP. Dende o Partido Popular rexeitaron as medidas do tripartito, aludindo á "subida de impostos" como o IVTM, que "suporá á veciñanza pagar dende este ano 2022 un 10% máis nas viñetas dos seus vehículos". "Todo veciño que teña unha motocicleta, un coche ou unha furgoneta pagará máis no recibo anual e todo aquel veciño que teña unha segunda vivenda ou unha vivenda deshabitada pagará un 25% máis de Ibi", manifestou o voceiro, Ángel Moldes.

Neste caso, o Goberno local saiu este sábado ao paso das críticas afirmando que "o 25% a segundas vivendas non se vai aplicar. Xa se anunciou no seu día que estamos pendentes da revisión que o Estado vai facer sobre as segundas vivendas e o Ibi. Por tanto, o Goberno local recomenda ao PP ou que se informe como é debido ou que, se fai esta afirmación a sabendas de que é mentira, que deixe de enganar á veciñanza", criticaron á súa vez.

Os populares, pola súa banda, defenderon que "sempre votamos en contra das propostas do tripartito de subir os impostos e presentamos propostas para baixalos que nunca contan co apoio do Goberno local".

Comentarios