A Escola de Cantería de Poio será un Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) no curso 2024/2025, polo que toda a súa formación estará homologada, mentres que o curso actual será de transición para adaptar a formación actual ás exixencias formativas e académicas dun centro destas características. Así o confirmou a Xunta durante a sinatura do traspaso da escola da Deputación Provincial á Consellería de Cultura, Educación e Universidade.
No transcurso do acto, ao que asistiu o presidente da Xunta, Alfonso Rueda; o presidente da Deputación, Luis López Diéguez, o alcalde de Poio, Ángel Moldes; e a directora xeral de FP, Eugenia Pérez, entre outros representantes do sector educativo, fíxose fincapé na importancia de dotar deste recoñecemento oficial a que é o único centro destas características de España.

A directora xeral de FP explicou que a Escola de Cantería presentará unha oferta regrada de "formación centrada na construcción, restauración e rehabilitación de edificios, que superará as 100 prazas neste primeiro curso, no que implantaremos os ciclos de FP de nivel básico, e nivel medio da familia profesional de Edificación e Obra Civil, que se combinarán coa formación de ensinanzas de Artes Plásticas e Deseño, incorporando desde xeito o traballo especializado en pedra e acabados artísticos".
O centro tamén porá en marcha o proceso de acreditación da experiencia laboral para profesionais deste sector, "un proceso aberto sen límite de prazas onde os participantes poderán completar a súa formación neste centro para a obtención dun titulo oficial. Nos anos seguintes o número de prazas verase incrementado ata superar as 300 co desenvolvemeto completo das ensinanzas e da formación en base ás demandas do sector productivo", afirmou Eugenia Pérez, en engadiu que "con este plan funcional, a Escola de Canteiros convertirase nun centro de referencia de FP no ámbito da construcción, cantería e restauración en Galicia".

Oferta completa
O CIFP Escola de Cantería implantará no 2024/25 o ciclo básico en Reforma e Mantemento de Edificios, ciclo medio en Construción e ciclo medio en Obras de Interior, Decoración e Rehabilitacion, ademais da Oferta modular do ciclo de grao medio de Pedra Natural.
Dentro da oferta especializada no ámbito artístico, o centro impartirá as ofertas modulares de ciclo de grao medio de Artes Plásticas e Deseño de Producións Artísticas en Pedra, grao superior de Artes Plásticas e Deseño en Tecnoloxías Escultóricas en Pedra e grao superio de Artes Plásticas e Deseño de Tecnoloxías Escultóricas.
O período de matriculación para este curso 2023/24 aínda non está aberta, pero espérase que comece no vindeiro mes, no que será un ano de transición. Sen embargo, dende a Consellería de Educación aseguran que os novos alumnos que se incorporen e mais os que xa están actualmente na escola (o pasado ano foron 19), poderán ter a opción de acollerse á nova formación homologada.
A Escola de Cantería formou durante corenta anos máis de 1.500 alumnos, algúns dos cales traballaron en edificacións tan significativas como a Sagrada Familia ou o Capitolio de Washington.