A escola unitaria do Vao súmase aos centros con horta ecolóxica de Poio

A mestra composteira acondicionou o novo espazo de traballo para nenos e profesoras
O alumnado do centro, composto por seis nenos, plantando as verduras e regándoas. DP
photo_camera O alumnado do centro, composto por seis nenos, plantando as verduras e regándoas. DP

O Concello de Poio conta cunha escola máis na listaxe de centros que se benefician do material de compost producido no centro de compostaxe comunitaria de Poio. A escola de Educación Infantil do Vao, a única unitaria que conserva o municipio, conta desde esta semana cunha horta ecolóxica na que se empregou o material producido nestas instalacións. Os cativos e cativas deste centro cooperaron coa traballadora do sistema provincial (Revitaliza), así como coas mestras nas tarefas necesarias para acondicionar e plantar as primeiras verduras destas instalacións, que foron pensadas para estar á altura dos cativos (de entre tres e seis anos) e permitirlles manexar a terra, as plantas ou a auga para regalas.

Na primeira plantación da horta ecolóxica xa hai tomates cherri, pirixel, berzas e cabazas. Ademais, as mestras axudáronlles a plantar xudías, con cuxo crecemento, os nenos e nenas poderán seguir todo o proceso de evolución das sementes.

PARA TODOS. O Concello de Poio defende que este tipo de actuacións son chave á hora de concienciar ás novas xeracións sobre a importancia de respectar o planeta, de aí que na súa folla de ruta se inclúan actividades deste tipo.

A meta dos departamentos de Educación e Servizos, dos que depende a iniciativa é que todos os centros educativos do municipio poidan contar cun futuro próximo tanto cunha horta ecolóxica como cun composteiro comunitario. Neste sentido, nos últimos anos véñense desenvolvendo obradoiros e actividades destinadas a explicar e desenvolver a montaxe deste tipo de dispositivos, que xa están operativos en varios puntos de San Salvador, cunha demanda moi importante por parte da veciñanza.

Comentarios