As Escolas Deportivas medran ata os 600 nenos e os 57.060 euros

O Concello de Poio vén de pór en marcha a actividade, que este ano oferta 14 disciplinas
photo_camera A concelleira Marga Caldas. C. F.

Un total de 14 novas disciplinas, uns 600 participantes, e un 10% máis de orzamento. Eses serán os tres eixos fundamentais da nova andaina das Escolas Deportivas de Poio, que este ano botaron a andar con cifras de éxito tanto no referente á aceptación por parte dos nenos e nenas, como no referente á cantidade de actividades nas que é posible participar.

Así, no curso 2019-2020 ofertaranse 14 modalidades deportivas: fútbol, fútbol sala, baloncesto, tríatlon-dúatlon, balonmán, ximnasia rítmica, baile, xadrez, atletismo, tenis, ciclismo, taekwondo, kaiak-polo e piragüismo.

Este resultado, segundo explica a Concellería de Deportes, dirixida por Marga Caldas, "é froito da estreita colaboración entre o Concello e os clubs e asociacións que conforman o tecido deportivo local, establecéndose un sistema de traballo conxunto tanto na xestión das inscricións así como no financiamento da actividade, xa que os clubs perciben unha subvención en función do número de nenos inscritos".

Tal e como relatan desde a área de Deportes, nos casos daquelas familias que contaran cun informe acreditativo dos Servizos Sociais do Concello, a cota de inscrición correspondente foi asumida pola entidade municipal, garantindo así o acceso ao deporte para tódalas crianzas do municipio.

Tanto o incremento na participación de nenos, como a asunción das cotas das familias en situación de risco social repercutiron nun custo para a tempada 2019/20 de 57.060,00 euros, o cal supón un 10% máis que na etapa anterior. Trátase dunha cifra que será asumida na súa totalidade polo orzamento municipal.

BALONCESTO. Entre a oferta deportiva desta tempada destaca como novidade a ED de Baloncesto, que se imparte no pavillón de Lourido por primeiro ano. No resto de modalidades ofertadas, incrementáronse as inscricións de xeito que se chegou a preto de 600 nenos e nenas inscritos. As actividades máis demandadas foron o fútbol e o fútbol sala.

Este ano, ademais, como recoñecemento a gran labor das entidades deportivas do municipio, dentro da Gala dos Premios Poio Móvese, haberá unha categoría destinada especialmente ao deporte base.

Comentarios