Esperanzador inicio da campaña de recollida de xoguetes en Poio

Poden entregarse na Casa Rosada ata o 9 de decembro
undefined
photo_camera A edil Rosa Fernández, cos xoguetes doados. DP

A Casa Rosada empeza a recibir as primeiras doazóns de xoguetes para repartir entre as familias de Poio con menos recursos.

A Concellería de Benestar Social e Mocidade lembra que aínda é posible participar na campaña Ningunha crianza sen sorriso, unha iniciativa a través da cal se fai un chamamento á cidadanía para que ceda xogos e elementos que se conserven en bo estado, de xeito que poidan ter un segundo uso para as crianzas das familias máis necesitadas. Esta campaña, que se vén realizando desde hai anos, permite que as familias en risco de exclusión social poidan gozar das Festas de Nadal con agasallos para os seus nenos e nenas.

Apenas unha semana despois do inicio da campaña, o ritmo de doazóns é moi alto. A edil responsable do departamento municipal, Rosa Fernández, expresa o seu agradecemento a todas as persoas que xa fixeron entrega de xoguetes, entre os que se poden atopar xogos de mesa, bonecas, peluches, material para debuxar e un pequeno patín.

"A cidadanía está a demostrar novamente o seu espírito solidario, que permitirá que ningún neno ou nena de Poio quede sen sorrir este Nadal", asevera. A concelleira de Benestar Social e Igualdade lembra que os xoguetes poderán entregarse antes do vindeiro 9 de decembro. A partir desa data o persoal de Servizos Sociais procederá ao seu reparto entre as familias con menos recursos da vila. Ademais, este ano a Casa Rosada volverá a contar coa imprescindible colaboración de Silvia Ramírez, da SCD Samieira, que se encargará de empaquetar os agasallos.

"A cidadanía está a demostrar novamente o seu espírito solidario, que permitirá que ningún neno ou nena de Poio quede sen sorrir este Nadal", celebra Fernández

O horario para facer as doazóns é, de luns a venres, de 9.00 a 14.00 horas polas mañás e de 17.00 a 21.00 horas polas tardes. O único requisito para que os xoguetes sexan aceptados é que estes estean limpos e en boas condicións, independentemente da súa antigüidade.

PROGRAMA XUNTOS POLO NADAL. Por outra banda, desde Servizos Sociais lémbrase que a campaña Xuntos Polo Nadal da Xunta de Galicia volverá a funcionar este ano. Trátase dunha iniciativa impulsada pola Consellería de Política Social, destinada a persoas maiores de 60 anos que carezan de familiares ou achegados, para que non pasen soas as festas de Nadal.

A Casa Rosada ofrece á veciñanza información e asesoramento sobre as xestións que deben realizar para a súa inscrición. As persoas interesadas deberán contactar co departamento municipal antes do día 15 chamando ao 986872401.

Este ano, a actividade estenderase do 22 de decembro ao 7 de xaneiro de 2022, en quendas de oito días. Trátase dunha estancia na residencia de tempo libre do Carballiño sen custo para os asistentes.

Comentarios