"As esperanzas para a familia merman cada vez máis"

A familia da muller desaparecida en Arcade, Manuela Barbosa, amplía as zonas de busca mediante iniciativas propias como a pegada masiva de carteis
Familiares de Manuela Barbosa. GONZALO GARCÍA
photo_camera Familiares de Manuela Barbosa. GONZALO GARCÍA

A familia de Manuela Barbosa Sousa está a emprender iniciativas propias que poidan ser de utilidade na procura da desaparecida, de modo que convocaron este martes pola mañá en Pontevedra unha pegada de cartelería. Van xa moitos días dende a última vez que se viu a Manuela, moito tempo para unha familia desmoralizada que confesa que "as esperanzas merman cada vez máis".

Raquel Barbosa, unha das fillas da desaparecida, considera que, debido a que "os labores de busca da veciñanza, autoridades e demais efectivos non traspasan os límites de Soutomaior e Arcade, os operativos teñen que ampliarse a outras zonas, como as cidades de Pontevedra ou Vigo" e incide en que "non hai que cerrar ningunha hipótese". Ademais da pegada de carteis, dirixíronse a comedores sociais, albergues e a persoas sen fogar, na procura dalgunha pista que favorezca a súa localización, aínda que sen resultados de momento. A esta iniciativa, súmase outra igual que levaron a cabo amigos dos familiares e que tivo tamén lugar este martes pola mañá en Vigo.

Raquel Barbosa séntese "moi agradecida con toda a cidadanía", xa que, aínda que á convocatoria da pegada de carteis deste martes "asistiron poucas persoas porque se trataba dun día laborable", nas batidas que se convocaron ata o momento en Arcade e Soutomaior confesou que se volcou "máis xente da agardada". A familia agradece tamén o traballo que as autoridades desenvolven a diario "a partir dos operativos exhaustivos que emprenden por mar, por ceo e por terra", incluso a pesar de que ás veces perciban "certa descoordinación, xa que son moitos efectivos os que interveñen", e iso lles transmita "falta de información cando se está tratando da parte interesada no asunto".

Voluntarios de Protección Civil de Soutomaior, Garda Civil e Policía Nacional seguen volcados na operación tras levar máis de dúas semanas realizando operativos de búsqueda sen resultados aparentes. Non obstante, permanecen á espera de novas sobre unha pista que pode que permita artellar o caso, tal e como explicaron fontes familiares.

Comentarios