Susana Rodríguez Carballo: "Estamos ante un episodio poschuvia que aínda non rematou"

As rías apareceron sementadas de ameixa, longueirón e berberecho morto, e as confrarías loitan por salvar a campaña de Nadal. A directora xeral de desenvolvemento pesqueiro explica os detalles deste fenómeno, que chega tras 30 días de chuvias, e no que, con todo, aínda quedan zonas co molusco en bo estado
Susana Rodríguez. A. LORENZO
photo_camera Susana Rodríguez. A. LORENZO

As distintas rías están a detectar a presenza masiva de mortandade de bivalvo nos bancos marisqueiros e a situación xeral é de desesperanza e preocupación. É a salinidade da auga a única causa da debilidade e mortandade ou hai máis?
Esta mortandade está dándose en varias rías, sobre todo nas zonas do fondo da ría que son as que acumulan máis auga doce. Efectivamente estase detectando en todas elas, pero nalgúns casos vai máis rápido. Entendemos, cando hai un episodio moi forte de chuvias, baixan as salinidades a cero, pero ás veces, cando temos periodos longos con salinidades por debaixo do 20% -sempre medidas en marea alta e a un metro de altura-, ao mellor a partir dos 15 ou 20 días empezan a revelarse esas mortalidades.

Desde o venres pararon as chuvias, pero segue a aparecer molusco morto...
Pese a que o venres non choveu, o episodio de baixa salinidade non rematou. A salinidade aínda está por debaixo de 25, así que se acumulan aínda máis días seguidos nesta situación. Se é un periodo continuo así coma este, a partir do décimo día a ameixa xa morre. Hai que ver tamén canto tempo para de chover, se o vento é capaz de sacar a auga doce das rías. Nós podemos dicir que este evento poschuvia non acabou.

Logo non comezou tampouco o primeiro día da borrasca?
En Lombos, Arousa, empregamos unha sonda que temos a seis metros en baixamar. O risco empezou a partir do día 15 do evento de chuvias que durou case un mes. O risco estendeuse desde o cinco de novembro ata o 15. Aí comezou a detectarse que estabamos con niveis de risco e xa na actualidade nos indica que estamos en mortalidade severa. Esta sonda é o modelo que usamos para ver o que pode pasar en outros puntos.

E que porcentaxe de marisco se pode calcular que morreu para calificala de mortalidade severa?
Unha porcentaxe que será importante. Vimos de 30 días seguidos de chuvia. Entre o 24 de outubro e o 16 de novembro estivemos coa salinidade por debaixo de 20. Están chegándonos avisos de distintintos puntos e podemos pensar nunha mortalidade elevada.

Hai zonas que se librarán deste capítulo?
Hainas. As máis exteriores e nas Rías Altas. Por exemplo, Redondela, Arcade e Vilaboa están afectadas, pero Moaña, polo que sabemos, está ben, ao estar na boca da ría, e tamén Cangas. En Pontevedra, temos, de momento, o fondo da ría, pero non tería un nivel tan intenso. Eles están parando de mariscar para non provocar todavía máis estrés. En Arousa, esta última semana, soubemos de Rianxo, Cabo de Cruz, Abanqueiro e Carril e Noia, mentres que no Grove se detectou pouquiño. En Anllóns, ata a semana pasada estaban ben, pero o luns detectaron mortalidade. En Corcubión están ben, en Pontedeume e Miño só apareceu navalla morta e en Ferrol, de momento, están traballando ben. Todo dependerá de que paren as chuvias.

A outras especies pode afectarlle tamén este exceso de auga doce?
Poden afectar, pero en moitas non ocasiona mortalidade, xa que teñen máis resistencia. O berberecho, a ameixa fina e a babosa son os máis danados. E estamos a ter nalgunha ría unha arribazón repentina de ourizo, que se está a dar e non sabemos se non é por efecto do temporal, porque estaba vivo.

Cada pósito ten que vixiar como está o bivalvo e decidir. Nos fondos da ría, como Pontevedra, será complexo

Se se produce, como predín, un parón no ciclo de chuvias, hai posibilidade de que se recupere algo do marisco que queda vivo?
Nin as propias mariscadoras son capaces de acceder aos bancos, e non se pode facer unha mostraxe exhaustiva. Nós facemos dúas: en primavera, para ver como está o ‘reclutamiento’, e despois en outono, cando se enfrontan á campaña comercial, para saber como aguantou o molusco pequeno. O momento de sabelo será en primavera, aínda que, como está a acontecer, se xa nas praias vemos cuncha coas valvas unidas, é sinal dunha mortandade por episodio repentino recente. Para o molusco que está vivo, se isto para e está tranquilo, aínda pode recuperar.

Pero podemos dicir xa que non haberá campaña de Nadal?
Eu quero crer que non podemos dar todo por perdido. Pero o que a semana pasada era unha mortalidad grande, dun inverno chuvioso, hoxe é un pouco máis todavía. Pero, se para a chuvia e se os ventos axudan, si pode haber supervivencia.

Notamos que aumentou o número consecutivo de días que a auga está a temperatura por enriba do normal

Cal é a folla de ruta para os pósitos que se ven coa produción mermada? Todos deberán parar?
Cada un ten que vixiar como está o seu e decidir. En Ferrol están traballando pero estamos notando que a ameixa fina está débil e igual non sobrevive nas depuradoras, polo que terán que deixala, en outros sitios poderán sacar unha pouquiña que lles permitirá arreglar esta campaña de Nadal e abastecer ao mercado. Os fondos de ría son máis complexos, esta semana non hai mareas, pero nas seguintes veremos que vai pasar.

Algunha das confrarías esgotou os catro meses do cese pola nula produtividade. Cal pode ser a solución para elas? Ao estar vinculado coas chuvias, poderán acollerse a algunha axuda especial por ser un dano colateral do temporal?
Nalgún ano xa se ten declarado zona catastrófica e podían acceder a axudas, pero non sei se se dan as condicións para esta declaración, porque é algo que supera ao que é a consellería e implica máis cuestións. Despois temos vedas do Fempa (Fondo europeo Marítimo, de Pesca y de Acuicultura) e haberá que ver se poden acollerse.

Canto tempo ten en condicións normales o molusco para volver?
Na Consellería teremos unha vía de acción que sairá en primavera para arar e sementar a ameixa nestas zonas afectadas. Ao empregar a semente de hatchery (criadeiro) con 15 milimetros, tardaría uns 18 meses para chegar a un tamaño comercial, se se dan as condicións. Teremos que esperar de un ano e un ano medio, dependendo da mortalidade e das condicións para que esta ameixa poida chegar ao mercado.

Influencia da suba da temperatura xeral da auga

"No verán houbo continuos desoves e ao chegar a chuvia, as especies están débiles"

As mariscadoras din que auga da ría está quente e que todo sucede é por mor do cambio climático. Isto é certo?
Neste último ano e nalgún episodio anterior notamos que aumentou o número de días consecutivos que a auga está a unha temperatura por enriba do normal nas rías. E isto o que provocou no mexillón, na ameixa fina e no berberecho houbo uns reclutamentos (supervivencia das crías) extraordinarios. Á súa vez, iso provocou que houbese continuos desoves durante todo o verán. Agora, ao chegar a chuvia, esta situación atopará ás especies máis débiles, porque estiveron empregando a enerxía na reproducción, non en medrar.

Estes cambios no comportamento da natureza son algo que están a abordar coa Consellería?
Si, ante estes cambios organizamos uns cursos e conferencias por rías nos que participaron tamén científicos da universidade. E nalgunha delas falouse do cambio climático e expuxéronse algunhas observacións científicas como a da Universidade de Vigo, nas que sinalaban especies e zonas nas que quedarían en peor situación. Tamén se falou da resistencia das especies, de que se espera que se adapten a estas novas condicións. Nese momento falouse de que se haberá que adaptar a determinadas especies e a determinados espazos. E de aí que elas sinalen xa ao cambio climático como causa destas situacións.

Comentarios