"Estou tan contenta con que aparecera o dono dos 850 euros coma se foran meus"

Objetos perdidos recibidos por la Policía Local de Poio. CEDIDA

Unha muller de Poio e a súa filla atoparon a cantidade en Campelo e entregárona á Policía Local en xullo. O dono apareceu ao poucos días
 

"Estou máis contenta con que aparecera o dono dos 850 euros, como se foran meus". Son palabras de Asunción, a muller, veciña de Poio que, xunto coa súa cativa Helena, atoparon o pasado mes de xullo 850 euros na rúa, en Campelo, e o entregaron na Policía Local. Os axentes tardaron varias semanas en completar a investigación, pero, finalmente, o sobre está xa en mans do seu propietario, e onte a Policía quixo dar a coñecer a historia e o xesto altruísta desta veciña.

Aínda que Asunción é orixinaria de Poio, só se atopaba en Campelo por vacacións, dado que o resto do ano reside en Madrid, onde está xa de regreso. A historia dos 850 euros, sen embargo, non se lle esquecerá, e recoñece que foi unha alegría saber que "fixemos o correcto" e que os seus desvelos e os da filla deron bó resultado. O envoltorio apareceu perdido na rúa Viña do Crego. "O primeiro que pensamos foi que a persoa que os perdera tiña que acabar de ir por alí, porque nós mesmos pasaramos antes e non había nada. Así que quedamos uns 20 minutos esperando, por se volvía alguén, pero cando vimos que non aparecía ninguén, tivemos que levalo para casa", relata. Nunha fase posterior "miramos dentro, por se aparecía unha tarxeta ou algún dato". Nese momento contaron e viron que había unha cantidade moi importante de diñeiro.

"A miña nena ten dez anos recén cumpridos, e a experiencia vivímola xuntas. Eu dixen: isto pode ser o soldo del alguén, pero ela, desde o primeiro instante asumiu que aquilo era algo que había que resolver e demostrou moita responsabilidade e preocupación. Foi unha boa experiencia nese sentido e é un dobre orgullo, por un lado, ver que os cartos foron devoltos ao dono, e por outro, atoparme con un problema que non sabía como resolver e poder demostrarlle á miña filla como había que facer. Aprendimos algo xuntas".

"Cuando me eché la mano al bolsillo y vi que no estaba el dinero lo di por perdido, así que ni lo reclamé", afirma o dono dos cartos

O certo é que Asunción tivo que chamar á Policía Nacional para saber como hai que actuar nestes casos. E foi alí onde lle indicaron que os cartos os había que entregar no posto de Policía Local de Poio, o municipio onde apareceran. Ela recibiu un resgardo, e "no caso de que en dous anos non atoparan ao dono, entregaríanllo a quen os atopou".

Por sorte, ese dono apareceu aos poucos días, aínda que se tardou en completar o proceso para verificar que os cartos eran del. O home, que xa se puxo en contacto coa familia que localizou os cartos para agradecérlle o xesto, explicou que "me gustaría darle una compensación, aunque ella me dice que no la quiere".

O dono, que prefire non dar o seu nome, é claro: "Cuando eché la mano al bolsillo y vi que no estaban, los di por perdidos, ni los reclamé". A os cinco días, dixéronlle que a Policía buscaba ao dono duns cartos aparecidos e reclamou. A cantidade proviña da venda dun coche. Tivo que testificar ata o comprador final, pero nin con esas llo darían se non puidera describir con detalles o obxecto perdido. E cómo o fixo, se nin sequera tiña un sobre con nome? "Pues recordando que había dos billetes de doscientos, uno de cien y el resto de 50 y 20 y sujetos con una goma". Iso si, recoñece que, en diante, deixarase de gardar os cartos así e xa mercou unha bandolera para evitar máis sustos.