"Eu non paro, pero fáltame a misa"

Peregrina García Castro é unha traballadora incansable do campo, pero o confinamento obrigouna a reducir as saídas
Peregrina García Castro, Chicha de Castro para a veciñanza de Vilariño, rega as cebolas e a leituga que plantou na súa horta. GONZALO GARCÍA
photo_camera Peregrina García Castro, Chicha de Castro para a veciñanza de Vilariño, rega as cebolas e a leituga que plantou na súa horta. GONZALO GARCÍA

Ir á misa. É unha das cousas que máis bota en falta Peregrina García Castro durante a corentena polo coronavirus. "Non podo ir á igrexa, pero podo ver a misa na televisión. En 13TV", comenta esta veciña de Vilariño, en San Xoán (Poio), á que todo o mundo coñece como Chicha de Castro.

Aos seus 81 anos, Chicha é unha namorada das tarefas do campo. Para ela non é un traballo. "Entretéñome", asegura.

"As ovellas lévoas a pastar ao lado da casa", di esta octoxenaria de Vilariño

A primavera é tempo de botar as patacas, de sachalas "para que non lle veñan as herbas", e de iniciar a plantación dos produtos estacionais da horta. "Eu xa puxen as cebolas e a leituga", comenta mentres rega a leiriña que ten ao lado da casa.

Para a semana que vén ou a seguinte, entrando xa no mes de maio, será a quenda para o millo. Para moitas familias de Vilariño é esencial este cultivo. Por dous motivos: para poder sacar o gran e darlle de comer ás galiñas ou para obter a fariña coa que facer pan ou preparar empanadas.

"Tamén hai que darlle de comer ás ovellas", apunta Chicha, que saca o seu rebaño nada máis romper o día. Iso si, agora lévaas a pastar "ao carón da casa" polas estritas normas de confinamento, que non permiten os desprazamentos a máis de medio quilómetro de distancia do domicilio habitual.

Esta octoxenaria recoñece que vivir no rural en tempos da pandemia faise menos costa arriba. Sobre todo porque "as casas son máis grandes" e, en case todas elas, hai unha eira, xardín ou espazo ao que saír a estirar as pernas. "A saber como están os que viven nun piso", pregúntase Chicha de Castro tras podar unha das árbores do seu eirado.

BAR E CASAS RURAIS. O único bar de Vilariño tamén está pechado como consecuencia da alerta sanitaria. Esta situación levou a moitos veciños a tirar das adegas propias para tomarlle "a chiquita".

A corentena tamén interrompeu os obradoiros de memoria do local social, que en outubro se converte en capela para as Festas do Rosario, e a actividade das dúas casas rurais que hai na aldea.


Mercedes Casás: "Sempre lavei no pozo; así afórrase en lavadoras"

Mercedes Casás lavando unhas sabas nun dos dous lavadoiros que aínda se utilizan en Vilariño. GONZALO GARCÍA

"Eu sempre lavei no pozo. É unha costume de toda a vida. Así afórrase en lavadoras e hai máis espazo para lavar pezas que non entran na máquina, como as mantas ou as sabas. Ademais, agora, as pastillas de xabón non duran nada. Hai que extremar a hixiene", comenta Mercedes Casás.

Esta veciña de Vilariño, de 64 anos, leva confinada "dende o primeiro día". Ademais de levar a casa, coida dos seus pais: Cándido Casás Escudero e Josefa Barral García. "Eu paso o día entretida. Limpo e fago a comida", engade.

En Vilariño aínda se manteñen os seus dous lavadoiros, aínda que o seu uso foi diminuíndo cos anos.


Paco Gallardo: "Véndese máis pan que antes; ao día reparto máis de 300 barras"

Paco Gallardo. GONZALO GARCÍA

Paco Gallardo é un dos cinco panadeiros que se desprazan ata Vilariño para achegarlle o pan aos seus veciños. "Véndese máis que antes. Bastante máis", subliña este empresario de Poio, que, como traballa de cara ao público, ten que extremar as medidas de seguridade.

Ademais do distanciamento persoal, Paco non saca a máscara e as luvas durante a súa xornada, que tamén inclúe servizos nouros concellos, como Pontevedra e Marín. "Reparto máis de 300 barras ao día. E busco xente", aseguraba hai unhas semanas a este xornal.

A maiores de Panadería Paco, a Vilariño chegan outras catro empresas do sector procedentes de Campañó, Marín, e Pontevedra. O peche por sorpresa de Panadería del Río, o pasado mes de febreiro, obrigou a moitos veciños desta aldea a contratar os servizos doutros provedores.

Comentarios