Exhibición da Brilat no 210 aniversario da batalla de Ponte Caldelas contra os franceses

O Concello caldelano cooperará co Exército e a Benemérita para celebrar un evento que contará cun simulacro de ataque terrorista

A reunión de coordinación, este mércores. DP
photo_camera A reunión de coordinación, este mércores. DP

Un batallón da Brilat e un continxente da Garda Civil, composto por varias especialidades, realizarán unha exhibición o próximo día 19 en Ponte Caldelas en colaboración co Concello, co gallo da celebración do 210 aniversario da Batalla contra os franceses librada na ponte do río Verdugo.

O brigada Antonio González e o suboficial maior Alberto Collazo, da Brilat, así como o comandante José Corral, da Garda Civil, acudiron á reunión de coordinación co alcalde en funcións, Andrés Díaz, para perfilar os detalles deste evento. A exhibición realizarase na praza de España e a Alameda.

A Brilat estará na vila do Verdugo os días 19 e 20 e os integrantes do continxente farán noite no Pavillón dos Deportes. A xornada do 19 comezará cunha marcha duns 20 quilómetros polas beiras do Verdugo, polos mesmos escenarios nos que se produciu a batalla contra as tropas do xeneral Ney o 8 de xuño do ano 1809.

O acto oficial comezará ás 17.30 horas, cun pelotón de protección equipado desprazarase pola rúa da Ponte ata a praza de España, onde se simulará un ataque terrorista cun suposto suicida que detonaría unha bomba sucia química. A ameaza será controlada polo pelotón e un equipo de recoñecemento, equipado con traxes de protección Radiolóxica, Nuclear, Biolóxica e Química (NBQ). O escenario recreado inclúe unha baixa no pelotón e a súa evacuación cunha ambulancia especializada.

O simulacro está pensado para ser presenciado polo público dende as zonas que se acouten debidamente. Ademais contará cun presentador que irá relatando os diferentes pasos e actuacións que se van desenvolver sobre o terreo. Ao remate celebrarase unha homenaxe aos caídos depositando unha coroa de loureiro diante dun elemento conmemorativo.

A exhibición inclúe tamén o despregue de medios da Brilat como un vehículo Uro Vamtac Tow, equipado con mísiles anti-carro. Tamén se desprazarán dúas motocicletas da Policía Militar e o avión non tripulado Raven, dotado con cámara térmica e utilizado para a vixilancia dos montes cada verán durante a Operación Centinela.

Na Alameda de Ponte Caldelas haberá estacións militares e da Benemérita con despregamento doutros medios que poderán visitarse durante toda a tarde. Así, a Garda Civil tamén ten previsto enviar dotación de Tráfico e, moi posiblemente, ao equipo técnico de explosivos Tédax.

A xornada completarase coa presencia dunha formación integrada por membros da Banda de Guerra da Brilat, que ofrecerá un miniconcerto coa interpretación de diferentes pezas, entre elas, a Muiñeira de Ponte Sampaio, en alusión á batalla contra as tropas napoleónicas.

Na historia. Un Verdugo infranqueable
A resposta de 200 milicianos de Ponte Caldelas, A Lama e Cotobade ao ataque mandado polo mariscal Ney o 9 de xuño de 1809 foi a peza clave para a derrota das tropas francesas na Batalla de Pontesampaio e a súa retirada de Galicia. Ney chegou a Pontevedra con 10.000 homes disposto a cruzar o Verdugo e, ao ser rexeitado en Pontesampaio, onde os españois derrubaran a ponte e respondían con cañonazos, mandou a 1.500 deles a Ponte Caldelas para atravesar a súa ponte. Alí, a actuación dos labregos armados con ferramentas e fusís dos soldados que acudiron desde Arcade, acabaron coa esperanza dos napoleónicos.

Comentarios