Éxito do Canteira Fest, no que a música tocou o ceo e a cultura baixou ao inferno da memoria

▶Grande Amore e Tanxugueiras encheron a Canteira das Lapas, na que en total actuaron 12 formacións esta fin de semana ▶ O Espazo Memoria promoveu unha peza sobre o franquismo na que actuaron familiares de represaliados

Canteira3
photo_camera Unha das charlas impartidas durante a tarde de onte no Canteira Fest. R. Fariña

Non tiña poucos competidores o Canteira Fest de Vilaboa na súa cuarta edición e primeira despois da pandemia, con eventos como o Festival Ferve en Pontevedra, a Festa da Ameixa ou a manchea de festas patronais que aínda quedan no calendario das parroquias do rural de toda a comarca. A cita, que este ano tiña como protagonista a música de factura galega, pero tamén a memoria histórica, contou, sen embargo, cunha boa afluencia de asistentes, e cunha gran valoración por parte do público.

Parte da culpa tívoa o cartel musical, no que Tanxugueiras foi o cumio máis visible dun elenco no que destacaron propostas moi aclamadas este verán como Grande Amore, que actuou onte, High Paw, que o fixo o venres, ou Flow do Toxo, que participou tamén esa xornada.

Canteira4
RAFA FARIÑA

No que respecta aos concertos, o máis concurrido foi o do segundo día, no que meirande parte da expectación estivo centrada na formación que competiu por acudir a Eurovisión e que anunciara a súa participación nesta cita apenas uns días despois de regresar do Benidorm Fest. Malia todo, xa desde a primeira formación da xornada se notou o gran ambiente e as ganas do público local de gozar dunha sesión moi festivaleira.

Canteira2
DP

O Canteira é tamén un encontro cultural da mocidade, da igualdade e da diversidade no que este ano a memoria histórica tivo un protagonismo especial, combinando o gran coñecemento local que existe sobre a represión franquista, ao ser Vilaboa concello no que se asentaba o cuartel militar de Figueirido e vía de acceso ao cárcere da Illa de San Simón.

Canteira5
RAFA FARIÑA

Deste xeito, a parte relativa á difusión cultural contou con un posto de divulgación sobre a memoria histórica no que se repartiron exemplares dunha revista na que se recorda a figura de mulleres de toda a comarca que padeceron as consecuencias da ditadura. Pero, se cadra, o que máis chamou a atención e foi absolutamente novidoso en comparación con outras citas deste tipo foi a idea de representar unha pequena peza teatral de quince minutos a cargo de ‘Os Quinquilláns’ para divulgar entre as persoas asistentes episodios de represión vividos durante o franquismo.

A proposta contou cun elenco moi especial, pois ademais do plantel profesional da compañía participaron integrantes dos colectivos de memoria histórica A Regaduxa, Mocidade Galega pola Memoria, da organización do propio Canteira Fest, e tamén familiares de persoas represaliadas. Entre eles estaba o propio deputado autonómico do BNG, veciño e impulsor de temas da memoria Luís Bará.

Canteira1
DP

 

Variedade

Á marxe diso, o festival tamén contou, como nos anos anteriores, con charlas como as desenvoltas onte pola tarde por Najla, Afropoderosa e Fátima Mohamed, que falaron da empoderación da muller migrante, e tamén con zonas de conciliación, xogos e obradoiros infantís, e espazo para degustar petiscos, bebidas ou mercar e aprezar distintos tipos de artesanía.

Comentarios